LETRAS GALEGAS

“Contando a Carlos Casares" preséntase esta tarde no Principal

A reportaxe sobre o escritor conta coa participación de 28 persoeiros da vida cultural, social e política de Ourense

O Teatro Principal acolle hoxe, ás 20,15 horas, a presentación do documental "Contando a Carlos Casares", no marco dos actos programados polo Día das Letras Galegas. 
O seu director, Gonzalo Veloso, leva sete anos realizando os documentais dos galardoados neste día. Tan pronto coñece o nome do seleccionado, el e mailo seu equipo comezan a pensar o enfoque e os detalles nos que traballar. Nesta ocasión, contaron co apoio institucional da Deputación de Ourense e co asesoramento do escritor Luis González Tosar, en calidade de "experto na figura de Casares", tal e como define o documentalista.

A reportaxe gráfica non segue o fío da man dun narrador, senón que un total de 28 persoeiros do eido sociocultural e político manteñen un diálogo por parellas, no que se vai fiando o argumento da obra. "Eles falan sobre a vida de Carlos Casares, de todas as súas facetas, do Casares autor, do político, do profesor... Entendemos que iso era Casares, a suma deses Casares. Só deste xeito poden agromar aspectos da súa vida que non se recollen nos libros", explica Veloso.

Neste documental interveñen familiares, críticos literarios, xornalistas, profesores universitarios ou políticos, principalmente de Ourense. "Quixemos incidir en Ourense porque a infancia de Casares sempre estivo moi presente na súa obra e, polo xeral, a xente que participa no documental está vencellada á provincia", matiza o documentalista.

En total, Gonzalo Veloso recabou 15 horas de gravación, que tivo que condensar en 60 minutos. "Esta foi a parte máis laboriosa da montaxe. Pero á marxe disto, non nos atopamos con ningún problema insalvable", explica sobre a producción do documental.

Te puede interesar