Agustín Fernández salienta a boa situación económica da entidade, que permite o Plan contra o Paro

As contas saen para o Concello

Agustín Fernández, no seu despacho. (Foto: Xesús Fariñas)
Hai dous anos que Agustín Fernández comezou a facer contas no Concello. E, segundo di, cadran. De feito, o seu balance da situación económica do Concello non podía ser mellor. Salienta que ‘hai un superávit orzamentario de 15 millóns de euros e temos un remanente de tesourería positivo, de 21 millóns de euros’. Entre as cifras que manexa, Fernández atopa outro dato positivo: a taxa de endebedamento do Concello é do 53,46%, ‘moi inferior á existente no ano 2006, que era do 65%’, subliña.
Esta situación, asegura, é a que permitiu ó Concello pór en marcha dúas iniciativas para loitar contra a crise. Por unha banda, o Plan de Emerxencia contra o Paro, do que ‘estou especialmente orgulloso’, polo que contratará a 90 desempregados de longa duración, e, pola outra, cumprir o compromiso de abonar tódalas facturas nun prazo de 60 días e, de non cumprilo, pagar de forma automática os intereses de demora. Unha iniciativa da que di que ‘ non coñezo ningunha administración que teña ese compromiso’, aínda que é un mandato da lei.

Fernández amosa tamén a súa satisfacción polo cumprimento das previsións de ingresos, ‘agás nos aproveitamentos urbanísticos, que non puideron monitorizarse debido á crise inmobiliaria’. Neste eido, salienta que ‘multiplicamos casi por catro o que se recaudou en executiva en cada un dos anos 2004 e 2005’. Para el é importante tamén o acceso á ‘carpeta cidadá’, que permite ó contribuínte coñecer a súa situación tributaria en calquera momento. Do mesmo xeito, Fernández afirma que nestes dous anos houbo ‘unha mellora substancial dos medios de pagos dos tributos locais, que poden facerse en 12 entidades financieiras’. Salienta tamén o conxelamento da presión fiscal, o incremento en máis dun 66% os beneficios no IBI das familias numerosas, bonificouse un 3% o imposto sobre vehículos no caso de domiciliación e eliminouse a taxa do transporte urbano para mozos de entre 16 e 18 anos, xubilados e discapacitados, entre outras cousas.

O departamento que dirixe Agustín Fernández traballa tamén na unificación dos servizos tributarios do Concello nun único edificio, que está a ser rehabilitado no casco vello.

A Clave persoal

Por que decide entrar na política?

Porque ás veces hai que dar a cara e despois de traballar moitos anos na Axencia Tributaria era pór a miña experiencia ó servizo dos veciños.

Cales son as súas aspiracións políticas?

Nunca sabes a onde che vai levar a política, pero en principio o único que me move é cumprir o mandato que me deron os cidadáns estes catro anos.

En política saen sempre as contas ou é difícil cadralas?

Ata o de agora, cadran e teñen que cadrar. Outra cousa é que a xente gaste moito máis alá das súas posibilidades.

Vostede é de números. Gústalle a lectura?

Leo pero teño que recoñecer que son libros da miña área.

E a música?

Teño fama de ser bo bailarín e gústame moito a música latina porque é moi alegre e desenfadada. Dá moita alegría de vivir.

Unha viaxe?

Desde que os rapaces son maiores viaxo menos, pero quedaríame cunha viaxe que fixen coa miña muller a Turquía.

Que virtude salientaría de vostede?

A constancia e o optimismo.

Un defecto?

Quizais ter dito que non a cousas que me propuxeron.

Que consello daría contra a crise?

Deberiamos apoiar ó emprendedor e ó talento.

Os logros

Situación de estabilidade orzamentaria do Concello, con gran solvencia económico-financieira e baixa taxa de endebedamento.

Mellora nos medios de pago postos a disposición do contribuínte. Conxelación da presión fiscal.

Establecemento de beneficios fiscais e bonificación para a domiciliación de recibos.

Compromiso de pagar as facturas dos proveedores do Concello nun prazo de 60 días e, de non facelo, abonar de forma automática os intereses.

O Plan de Emerxencia contra o Paro, cun investimento de 1,2 millóns de euros, polo que se contratará a 90 desempregados de longa duración.

Os Retos

Manter a estabilidade orzamentaria do Concello a pesares da crise.

Incorporar o Concello á sociedade da información, dotándoo das tecnoloxías axeitadas.

Cubrir o municipio cunha rede inalámbrica de acceso a internet.

Continuar de forma decidida a loita contra o fraude fiscal.

Mellorar os servizos de apoio ós contribuíntes para facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias.

Seguir dispondo de recursos suficientes para prestar uns servizos públicos de calidade.

Manter o compromiso de pagar as facturas nun prazo máximo de 60 días.

La oposición

Para o concelleiro popular Francisco Javier Rodríguez Nóvoa o que mal empeza, mal acaba. Para el, a desaparición de máis de 29.000 euros da Recadación municipal a comezos do mandato do bipartito foi un ‘preludio de lo que iba a ser su gestión’. Case dous anos despois de aquel suceso, refírese ó labor de Agustín Fernández como o ‘fracaso de una expectativa’. E é que, asegura, ‘fue un concejal que se vendió como paladín del rigor y la mejora de la gestión recaudatoria’ e, en cambio, ‘no aprobó ningún presupuesto en tiempo y forma, el año pasado hizo cinco modificaciones presupuestarias y este lleva dos, además de anunciar una tercera en junio’.

Rodríguez Nóvoa lembra que Fernández ‘prometió reducir el gasto corriente en cinco millones de euros y lo ha aumentado en un 22%, mientras que ha reducido cuestiones como el ahorro neto’. Considera que Fernández ‘ha generado ficticiamente presupuestos de más de 100 millones de euros, hinchando los ingresos por multas, aumentando la presión fiscal, porque los impuestos directos se han incrementado un 11% no por una mejor gestión sino porque dispara la presión fiscal’.

Non obstante, as principais críticas de Rodríguez Nóvoa a Fernández diríxense á promoción do emprego, onde asegura que o edil socialista ‘ha tenido una nula actividad. El director general no ha hecho nada’. Neste senso, afirma que ‘abren con dos años de retraso los nidos de empresa que el anterior gobierno dejó en el Centro de Iniciativas Empresariales’. Por todo iso, o ‘popular’ considera que, nesta área, os dous anos de goberno bipartito foron ‘una gran decepción’. Rodríguez Nóvoa: ‘El fracaso de una expectativa’.

Lo peor

Disparáronse os capítulos de persoal e gasto correente a pesares de que non se melloraron os servizos que reciben os cidadáns.

Máis do 50% dos investimentos previstos non se executaron. ‘Le salva la nula ejecución del bipartito, lo que le permite hinchar el ahorro’, di Rodríguez Nóvoa.

Ingresos irreais. Non mellorou a recadación no IBI e no imposto de vehículos.

Fracaso no fomento de emprego





Te puede interesar