CIDADE

Luar na Lubre grava o seu novo disco coa Coral De Ruada

Os irmáns ourensáns Félix e Cástor Castro tamén colaboran no novo proxecto do grupo folk 

Despois da súa estadía en San Pedro de Rocas durante o mes de outubro para iniciar os traballos do seu novo disco, "Ribeira Sacra", Luar na Lubre quixo volver a terras ourensanas para avanzar nos temas do proxecto. Deste xeito, o disco conta coa colaboración de varios protagonistas da música tradicional ourensá: a Coral De Ruada e os irmáns Félix e Cástor Castro. "De igual xeito que tivo lóxica vir á Ribeira Sacra no proceso de composición, tamén o ten contar con colaboracións de aquí", comenta Bieito Romero, líder da agrupación. A gravación dos temas tivo lugar no "emblemático paraninfo" do Instituto Otero Pedrayo, un espazo que "garda a esencia" do importante escritor, "símbolo da galeguidade", tal e como explica Romero. "Esta é unha forma de amosar a irmandade con Ourense, e tamén de poñer en valor a importancia da Ribeira Sacra", afirma. "Non só a relixiosa, senón tamén a das súas especies vexetais únicas, ademais da dos seus oficios tradicionais, coma os afiadores, ou das lendas e historias da zona", sinala o músico. 


Coral da Ruada 


Non é a primeira vez que os ourensáns comparten escenario con Luar na Lubre, pero "esta é a vez máis emotiva, sen dúbida -afirma Emilio Rodríguez, vicepresidente da Coral-. Bieito Romero xa nos dixo que neste disco tiña moito sentido a nosa participación". "Colaboramos en catro cantigas. Cantamos sobre lugares como Niñodaguia ou Esgos, ademais de recordar o tradicional oficio do afiador e o idioma propio do gremio, coñecido como barallete", comenta Rodríguez. 


A presentación do CD terá lugar en xuño, na cidade


"Ribeira Sacra" voltará á cidade os días 1, 2 e 3 de xuño, para presentarse de xeito oficial. O Teatro Principal acollerá os novos temas, ademais da colaboración da Coral de Ruada, de Cástor e Félix Castro e do resto de colaboradores, galegos e do ámbito estatal, que deixaron a súa pegada neste novo traballo.

Te puede interesar