Coren incorpora unha incubadora para 100.000 pavos

Manuel Gómez-Franqueira, presidente de Coren, durante a presentación da planta de Sobreira.
photo_camera Manuel Gómez-Franqueira, presidente de Coren, durante a presentación da planta de Sobreira.
Ubícase en Vilamarín e conta con tecnoloxía de última xeración para o benestar animal 

O grupo Coren acaba de dar un paso máis na ampliación das súas dotacións dentro da producción avícola. Segundo informou onte a cooperativa ourensana, estase poñendo en marcha en Sobreira, no Concello de Vilamarín, unha nova incubadora de pavos "dotada coa última tecnoloxía do sector, que lle permitirá completar o ciclo de produción do pavo en Galicia".

A nova incubadora está concebida para albergar o nacemento de ata 100.000 paviños á semana e dispón dun sistema individual de monitorización do desenvolvemento embrionario dende o primeiro día de incubación ata o nacemento, un sistema tradicional que reproduce as condicións naturais "como se incubarían por parte da nai e evitando calquera tipo de estrés, o que garante o mellor entorno de incubación e o máximo benestar dos paviños que nacen alí", como explica a empresa.

A planta, ubicada nunha parcela de máis de 20.000 metros cadrados, incorpora diferentes avances tecnolóxicos, entre os cales están os equipos de incubación de última xeración procedentes de países do norte de Europa, "nos que as esixencias de benestar animal son moi elevadas. 

Explica Coren que a tecnoloxía facilita un control dixital "que permite supervisar todos os nacementos desde calquera ordenador, smartphone ou tablet, ademais de xestionar outros parámetros como a climatización das salas para axustar as condicións de temperatura e humidade ás necesidades de cada área específica". 

Esta instalación de Vilamarín conta con todos os mecanismos necesarios para garantir a súa total bioseguridade. Así, a planta está dotada dun sistema de medición automática da temperatura da cáscara do ovo ao longo de todo proceso de incubación, composto por un conxunto de unidades de escaneo da cáscara do ovo por infravermellos e un control intelixente que contén os algoritmos, tomando mostras de maneira constante e reaccionando para manter a temperatura da cáscara desexada de forma precisa.

A nova planta de producción incorpora tamén unha caldeira de biomasa para xerar enerxía térmica e placas solares que garanten o autoconsumo eléctrico. As máquinas de acondicionamento do aire contan con sistemas de recuperación de enerxía dos embrións en desenvolvemento aproveitando o calor que desprenden para prequecer o aire exterior frío que entra na planta, reducíndose de forma considerable o consumo enerxético.

Dispón das tecnoloxías máis eficientes de calefacción, ventilación, iluminación e depuración de augas. Segundo a información transmitida pola cooperativa, "o tratamento de augas realízase mediante un reactor biolóxico, responsable da degradación da materia orgánica, e membranas de ultrafiltración con poros suficientemente finos para reter a totalidade dos sólidos en suspensión". 

O equipamento permite pechar o ciclo en Galicia

Con esta nova infraestrutura, Coren amplía o ciclo de produción do pavo xa que, ata o de agora, os paviños criados en Galicia procedían de incubadoras de Francia. Non obstante, agora tanto a incubación como o nacemento se fan na comunidade, completando así o ciclo produtivo. Os paviños que nacen nestas instalacións son trasladados a granxas onde os animais se crían de xeito tradicional por parte dos cooperativistas de Coren, "con máximo benestar, e se alimentan con cereais de calidade seleccionada". Esta dotación contou co apoio da Consellería de Medio Rural.

La nueva planta, en cifras

100.000
É o número máximo de paviños que poden chegar a incubarse na nova planta de Coren no Concello de Vilamarín.
20.000 
É a superficie que ocupa a nova dotación de Coren na localidade de Sobreira.
120 
É o número de toneladas de CO2 ó ano que se evitan verter á atmósfera gracias ós sistemas de eficiencia enerxética que incorpora este novo equipamento, impedindo .
100%
A cooperativa salienta que a totalidade dos seus produtos son de orixe galega, un compromiso que segue reafirmando.

Te puede interesar