La Región

ARTE ET ALIA

A coroa áurea de Antonio Quesada Porto

No centro cultural amósase un totum revolutum que se explica dende o ámbito privado e 'dende o sentimento

O artista ante "Río Máxico", 2005.
O artista ante "Río Máxico", 2005.
A coroa áurea de Antonio Quesada Porto

Regresa 'A.qUESADA' como artista ás salas de Ourense na Praza Maior e o Centro Cultural, Afundacion e Deputación respectivamente, que coa súa equidistancia espacial da rúa Lamas Carvajal, que o viu nacer e medrar, conforman esta póstuma coroa de arte. Nacera Antonio Quesada en 1932, no tempo da República, e a súa infancia discorre coa guerra civil, adolescencia e xuventude na época da Ditadura Franquista, a da autarquía económica. O seu territorio dos xogos xuvenís con Méndez Ferrín e os seus irmáns, eran as Burgas e a barronca da Alameda cara o Barbaña. Ou "Sil Lonia Barbaña e Barbantiño cara ao Miño", como puxo en 2005 no catálogo Raíces. Marchou antes dos anos cincuenta ao colexio de orfos de Facenda en Madrid, regresando para o bacharelato e facer fora Comercio, acabando de funcionario de Facenda en Zamora en 1953, trasladándose a Vigo en 1966, onde morará até a súa morte en 2015. Alí, a carón do río que aínda non ousa chamarse Douro, viviu anos decisivos, pois casa e forma familia, participando da vida cultural con Tundidor e Claudio Rodríguez, e asentando a súa vocación artística a carón do pintor Antonio Pedrero. Esta irase decantando en Vigo e coas viaxes á terra da súa muller, cunha persoal interpretación da paisaxe, na que hai abstracción e poesía en equilibrio e liberdade. Así Páramo da Gudiña, de 1971, medalla especial na bienal zamorana; e Tierras rítmicas de Verín, de 1972, ouro na Bienal de Pontevedra, o mesmo ano da IIª Bienal de Toledo, na que acada o gran premio por O Tajo-Texo. Formado entre música, literatos e artistas no ambiente ourensán, expuxo cos ‘artistiñas’ en 1962 en Madrid, ano no que acada a medalla de bronce na Exposición Nacional. Eis unha paisaxe a súa de amplas áreas cromáticas nas que sempre aboia a súa paixón pola natureza, que transmitiu nas viaxes familiares que facían en caravana, como lembraban os seus fillos Humberto e Maife. A mostra foi coordinada pola viguesa Teresa Cendón, médico, quen dende a relación coa familia do artista, fixéralle a primeira exposición que agora se traslada aquí co patrocinio da Xunta de Galicia no García Barbón, da antiga Caixa de Aforros. Dela foi Antonio asesor de compras, un dos responsables da súa colección artística. O afán memorialista explica a carpeta de Teófilo Comunicación con grandes láminas e o libriño con mementos dos amigos. Na disposición en dous andares en Ourense non faltan Lembranzas ou Río máxico, dous cumios plásticos. 

No centro cultural amósase un totum revolutum que se explica dende o ámbito privado e 'dende o sentimento', caso da cadeira de Nicanor Rodríguez Carballo e o tallista José Crespo segundo unha idea do artista, na que puxo mans e empeño; e a broncínea escultura, co seu fillo Antonio. Hai gravados e colaxes, divertimentos compositivos, e serigrafías, un pioneiro nesta técnica. Os retratos da súa muller dos anos sesenta, búcaros e frores, ou unha paisaxe industrial, teñen interese. En suma un bo abano do talento deste artista con raiceiras ourensáns, sempre máis discreto que os seus irmáns Fernando ou Xaime, grandes nos seu.