CONCERTO EN OURENSE

Daniel Minimalia: "Facer música instrumental é un acto inconformista"

Daniel Minimalia 
(José Paz)
photo_camera Daniel Minimalia (José Paz)

Daniel Llorente Rey, máis coñecido como Daniel Minimalia é o gañador do premio Latin Grammy a mellor álbum instrumental por Terra (2020), co que percorreu diferentes escenarios de todo o mundo

Na traxectoria artística de Daniel Llorente Rey, máis coñecido como Daniel Minimalia, de seguro que aínda lle garda grandes alegrías e celebracións, pero o seu nome quedará para sempre vencellado a ser o primeiro galego -logo tamén ourensán- en gañar un Latin Grammy na categoría de mellor disco instrumental. Foi polo disco Terra (2020), cuxa xira o levou por diferentes lugares do mundo e agora xa nun dos últimos concertos o trae de volta a Ourense. Será o vindeiro 26 de abril no Teatro Principal, que xa colga o cartel de sold out.

Últimos concertos da xira de Terra. Que. Que significou este disco para ti?

Este álbum, que saiu xusto na primavera da pandemia, foi o que máis recoñecemento tivo, en gran parte polo Latin Grammy. Abriume moitas portas e puiden visitar países como Hungría ou Suiza onde nunca antes actuara. Digamos que me permitiu dar un salto un pouco maior que os anteriores álbumes.

Como foi gañar este premio?

Vivino con moita ledicia porque a carreira do artista non sempre é agradecida, polo que ese galardón soubo moi ben.

Daniel Minimalia 
(José Paz)
Daniel Minimalia (José Paz)

Falando de momentos menos alegres, a situación vivida con La Vuelta Ciclista de España puido ser un. Foi sanador ver o éxito de Terra tras ese conflito?

Eu sei cal é o meu camiño e sei que no traxecto pasan cousas, como outras que me ocorreron e non se coñeceron tanto como esta. Teño claro que o meu é facer música e o máximo número de concertos posibles, aínda que sempre haberá baches, como os hai na vida. O mundo da música garda certo paralelismo coa política no sentido de que sempre vai haber quen che poña a cambadela, ao estilo de Juego de Tronos, e aí hai que ser forte e tirar cara adiante.

Que balance fas da túa carreira desde os teus comezos?

Ao ser esta unha profesión vocacional sempre está o comodín da ilusión, que che axuda a enfrontarte a todo. Cando traballas como músico estás preparado para situacións que noutro ámbito laboral non che ocorrerían, estás máis exposto á industria [musical]. Penso que o bo que teño é que eu fixen o meu camiño: comecei alugando as salas, os teatros, todo pola miña conta, foi unha labor de emprendemento. Sei que hai sitio nos que non me van deixar entrar, pero como a miña carreira fíxena eu, son aspectos que non me afectan tanto.

Traduciuse ese premio en máis chamadas, máis público, máis concertos ?

A cultura valórase máis nun lugares que noutros, para min o máis importante foi comezar a tocar con maior frecuencia no estranxeiro. Tamén crear sinerxias con marcas como Alhambra, con quen son guitarrista oficial, unha colaboración que me abriu bastantes portas; próximamente irei a China. Unha cousa chama a outra, e o inicio de todo iso foi o Latin Grammy. En Galicia tiña un decena de proxectos para o 2021 e 2022 e non se fixo ningún. Depende do sitio e moitas veces os motivos non dependen de ti, e nese sentido non tiven especial sorte.

Os Premios Latin Grammy son a versión latina dos galardóns Grammy, neste caso outorgados pola Academia Latina de Artes y Ciencias de la Grabación. Daniel Minimalia gañóuno no 2020 na categoría de mellor disco instrumental

Dámoslle máis valor ao de fóra que ao autóctono?

Ocorre que os que mandan non sempre representan a forma de ser da xente, pero por parte do público síntome moi valorado. Sempre se porta ben conmigo e iso non o esquezo.

Como é o teu público?

É fiel, por un motivo principalmente. Ao facer música instrumental diferénciome do resto, como compositor e tamén como guitarrista. Entón cando a xente me coñece nun concerto ve que é algo distinto, que lle chega e lle gusta, e convírtese en seguidor desde ese momento. Hai quen ten reticencias de primeiras, polo tipo de concerto, pero olvídase ao ver o directo. A resposta é sempre boa.

Facer música instrumental, sen contar coa barreira do idioma, permite chegar a máis públicos?

Ao principio parecía ser o problema máis grande. "Este rapaz non vai chegar a ningún sitio se non canta", parecía que pensaban, e resultou ser a miña principal vantaxe: enténdenme en Ourense e tamén en Pekín ou Hong Kong.

Tampouco hai moitos artistas con adicación exclusiva a este tipo de música.

Non, non os hai, pero non foi nada planeado, foi algo honesto que fixen porque así o sentía. Facer música instrumental permitiume diferenciarme do resto e iso é o importante, porque penso que para que un artista sexa interesante ten que ter personalidade, algo que pasa necesariamente por ser un mesmo.

Daniel Minimalia nun concerto.
Daniel Minimalia.

 

Tes algún tema, como Flor de Leyenda, con letra. Qué hai detrás deste canción para que sexa diferente?

Eu veño do rock, facer letras non é nada novo para min, xa as escribía nos grupos dos que formei parte na miña xuventude. Flor de Leyenda foi unha rareza, e ao mellor veñen algunhas outras cancións con letra, pero o meu camiño, a miña marca de identidade, non é esa.

Estás preparando novo disco. Imos escoitar algún tema novo no concerto de Ourense?

Teño dúbidas. Non é que non queira compartilos, senón que aínda non están rematados, hai cosas por definir. Pero a miña intencións é mostrar algo.

A quenes van verte por primeira vez no concerto na cidade, que lles espera?

Por experiencia penso que lles vai gustar. É un directo moi emocional e dinámico, cun repertorio ecléctico: hai momentos de rock, outros máis íntimos; a xente levántase, aplaude. Unha auténtica viaxe musical.

Pero non ves só.

Este é un proxecto persoal, pero a música que compoño non só é para guitarra, hai un conxunto de instrumentos. Por iso, á hora de poñela en práctica, necesito músicos. Nesta ocasión seremos seis: eu e outra guitarra, batería, teclado e coros. 

Á tarefa de compoñer, súmase a de organizar.

Desde que comecei fun un emprendedor, hai que estar pendente de todo. Ademais da parte musical, os arranxos, o aluguer da furgoneta, a Seguridade Social, os recintos... É un traballo complexo.

Daniel Minimalia 
(José Paz)
Daniel Minimalia (José Paz)

Es inconformista?

Sempre me atrevín a ser eu mesmo, sen importarme se o que facía ía gustar ou non. Creo que actuar con esa liberdade me fai unha persoa inconformista. Imaxínate dicirlle aos teus amigos que vas deixar o teu traballo para apostar por un tipo de música tan concreto.  O que me dicían non era por mal, pero non pensaban que fora chegar onde cheguei. Facer música instrumental, vendo o que hai ao arredor, é un acto inconformista.

Compensa?

Si. Van pasando os anos e ollas o pasado con certo orgullo por todas as cousas que tes feito e que de seguro non tería vivido se seguise  na oficina, ou se tivera feito un traballo máis comercial. Merece a pena a aposta, e dache unha aprendizaxe a nivel profesional e persoal.

Te puede interesar