Diarios do pasado

Dezaseis séculos de Nadal

Nacemento de Arturo Baltar, símbolo do Nadal ourensán.
photo_camera Nacemento de Arturo Baltar, símbolo do Nadal ourensán.

Cando lean estas liñas será 24 de decembro, o día que precede ao Nadal. Gran parte dos 2.400 millóns de cristiáns do planeta, sexan ou non practicantes, celebran o 25 de decembro o nacemento de Xesús, fundador dunha das grandes relixións mundiais que, con diversas variantes, predomina nos países e culturas de Occidente. O Cristianismo atesoura unha longa historia que comezou hai uns 2.000 anos no Próximo Oriente. Despois de superar vicisitudes tan cruentas como as persecucións, no século IV -evidentemente d. C.- da o paso cara a tolerancia e protección que lle ofreceu o emperador Constantino para converterse, anos despois, na relixión oficial do Imperio romano baixo o mandato do hispano Teodosio.

Por que celebramos o Nadal o 25 de decembro e non noutra data? E dende cando foi así? A cuestión no é fácil de resolver, porque ningunha pasaxe da Biblia concreta o día do nacemento de Xesús de Nazaré. A falta de datos afecta tanto ao día e mes como ao ano exacto. Con respecto a este último, non entraremos agora en confrontacións argumentais. Só dicir que co calendario que manexamos agora, o gregoriano, instaurado no pontificado de Gregorio XIII a partir de 1582, e independentemente de que diversas teorías históricas leven a variar as fechas dos principais acontecementos cristiáns nunha marxe de poucos anos, vense situando o nacemento de Xesús entre os anos 6 e 4 a. C., e a súa crucifixión entre o 30 e o 36. Pero outro asunto que hoxe nos ocupa é, como vimos, o día e o mes exactos do nacemento. En resumo, do Día de Nadal. A transcendencia desta cuestión é máis simbólica que histórica, posto que Xesús nacera un día ou outro, en nada cambiaría o esencial das crenzas cristiás. En todo caso, a primeira vez que se decide celebrar o día de nadal o 25 de decembro foi no século IV, cunha primeira proposta do pontífice Xulio I, que guiou a igrexa de Roma entre os anos 337 e 352. Pero, por que nese día concreto e non outro? Unha das causas, quizá a esencial, foi adaptar a festividade cristiá a moitas outras que se celebraban nesas fechas en todo o Imperio, aínda con costumes de raíz pagá. E, como ben saben, non poucas coinciden con fenómenos astrais que cargan simbolicamente de significado a numerosos rituais.

Pois ben, o Papa Xulio I fixou a data como agora a coñecemos porque no calendario xuliano, o que instaurou Xulio César no ano 46 a. C., o solsticio de inverno producíase ese día, non entre os días 22 e 23, como ocorre dende a adopción do citado calendario gregoriano. O fenómeno astral do solsticio nos proporciona a noite máis longa e o día máis curto. En consecuencia, a partir de entón os días só poden medrar e as noites decrecer, excelente símbolo de vida, de renacemento. Lembren que noutra ocasión lles mostraba a coincidencia intencionada da resurrección de Xesús co primeiro plenilunio da primavera, trocando a morte cruel nunha nova vida.

Finalmente, a fixación dese día ata a actualidade débese a un decreto do Papa Liberio do ano 354. É dicir, cerca de 1.700 anos celebrando a natividade o 25 de decembro, un motivo excelente para desexarlles bo Nadal a todos vostedes.

Te puede interesar