Os novos talentos ourensáns pisan forte nos diferentes eidos artísticos. A pesar da dificultade de abrirse paso entre a multitude, os artistas da provincia traballan arreo para demostrar as ganas que teñen de triunfar.

O difícil é andar facendo camiño

Moita xente nace con talento.
Por máis que se poida desenvolver e mellorar ó longo da vida, hai un ingrediente innato en cada artista. O difícil non é, pois, nacer sabendo, senón ter o talento suficiente para ser quen de desenvolvelo aínda máis. En Ourense hai trabas, coma en calquera cidade, pero entre as xeracións máis novas conta cunha serie de nomes que van soando cada vez con máis forza. O contexto condiciona, pero o que conta realmente é o traballo. Algúns dos novos talentos da provincia traballan fóra, de feito só dous, o músico Marcos Pérez e a literata Hilda Fernández, desenvolven a súa faceta artística dende os seus lugares de orixe.

O certo é que tamén lles tocou mala época. A crise, unha vez máis a crise, é quen de partir pola metade os soños dos que empezan, pero os ourensáns non se dan por vencidos. Para combater a dificultade hai dúas vías principais.

A primeira sería a de presentarse a concursos, algo do que saben Marcos Pérez e o seu grupo Coanhadeira, que gravaron dous discos gracias a dous premios. Son unha saída. A outra vía sería a que seguiu o realizador audiovisual Bruno Nieto: capítulos en Youtube de non máis de 10 minutos de duración para darse a coñecer ó tempo que botaba unhas risas cos seus amigos. É dicir, o que sempre se chamou 'buscar a vida'. Sexa como for, o caso é que en Ourense hai moito talento e, o máis importante, moitas ganas de traballar e loitar por sacalo adiante.

Te puede interesar