Dous ourensáns no “crebacabezas” das Letras Galegas 2023

Antón Tovar e Prado Lameiro.
photo_camera Antón Tovar e Prado Lameiro.
O valdeorrés gurriarán será o homenaxeado este ano. para o próximo, proponse a Tovar e a Prado Lameiro

De todos é sabido que a Ourense -a pesar da desfeita cultural actual- se lle coñece co nome da Atenas de Galicia. Por que? Xaquín Lorenzo “Xocas”, homenaxeado das Letras Galegas no 2004, dálle ao xornalista Fernando Ramos nunha entrevista tres motivos destacados: o florecer de intelectuais como Blanco Amor ou Otero Pedrayo, os cafés e tertulias da cidade e a presenza de sociedades culturais como a Troya de A Ponte ou o Liceo. En 59 anos, o Día das Letras Galegas (17 de maio) recoñeceu a 12 ourensáns. Para 2023, Ourense xa ten dous nomes propostos.

O último ourensán ao que se lle concedeu o Día das Letras Galegas foi o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, que será precisamente o homenaxeado de 2022. Pero pode revalidar a homenaxe outro ourensán en 2023, ano no que xa pensan os que promoven dúas candidaturas: a do poeta Antón Tovar Bobillo (Pereira, Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 2004) e a de Xavier Prado Lameiro (Ourense, 1874-1942), poeta e fundador da centenaria agrupación Coral De Ruada. A curiosidade é que a Deputación de Ourense apoia ambos nomes e insta á Real Academia Galega a conceder a un ourensán as próximas Letras Galegas. Por un lado, o pleno da Deputación de Ourense do pasado 17 de decembro de 2021 aprobou, por unanimidade e a petición do PSOE, a candidatura de Tovar. E polo outro, o goberno provincial aprobou o pasado 10 de xaneiro de 2022 nunha xunta de goberno a petición da candidatura de Prado Lameiro ao próximo Día das Letras Galegas.

A Real Academia Galega terá a última palabra, pero non é a primeira vez que familiares e colectivos vinculados á memoria de Tovar e Prado Lameiro piden para eles o Día das Letras Galegas. Sería posible que llo den a outro ourensán un ano despois de Gurriarán? A hemeroteca dos homenaxeados pola Real Academia Galega invita á ilusión: xa ocorreu. A Atenas de Galicia “levou” as Letras Galegas de 1967 con Curros Enríquez, e ao ano seguinte revalidouno López Cuevillas. Volveu pasar, xa por última vez na historia dos premios, en 1988: ese ano gañou Otero Pedrayo e en 1989 Celso Emilio Ferreiro.

Te puede interesar