GASTRONOMÍA

Dous restaurantes ourensáns, na ruta' Gastrovomía' de Galicia Calidade

A CARBALLEIRA

O restaurante A Carballeira, en Santa Cruz de Arrabaldo, e A Taberna, da cidade, competirán na ruta de produtos de polo e ovo. 

Un total de 10 restaurantes e establecementos de hostalaría certificados polo selo `Galicia Calidade` competirán entre o 11 e o 17 de xullo na ruta gastronómica de produtos do polo e do ovo `Gastrovomía`.

A iniciativa, que conta co patrocinio e a colaboración de Galicia Calidade, ofrece aos interesados a posibilidade de achegarse a propostas culinarias realizadas polos 10 establecementos participantes arredor destes produtos.

En concreto, na iniciativa participan os restaurantes Cantina Río Covés (Pontedeume), Hotel Augusta Spa Resort (Sanxenxo), A Carballeira (Santa Cruz de Arrabaldo), A Estación (Cambre), A Taberna (Ourense), Carmen (Sanxenxo), La Postrería (A Coruña), Marisquería Coral (A Coruña), O Eirado da Leña (Pontevedra) e Talaso Hotel Louxo La Toja (Illa da Toxa).

Ademais, conta con do apoio das seis empresas avícolas certificadas por Galicia Calidade, Avigal, Avícola Tratante, Coren, Granxa Campomayor, Pazo de Vilane e Grupo Sada.

O reto culinario consiste en que as receitas das tapas ou pratos teñan como protagonista o ovo ou o polo, sexan orixinais e estean realizadas con produtos de calidade.

Neste sentido, Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, fixo fincapé na "aposta conxunta dos hoteis e restaurantes xunto coas empresas avícolas galegas para ofrecer produtos atractivos, orixinais e de calidade que dean valor engadido á oferta de restauración e hostalaría de Galicia".

SELO

O selo Galicia Calidade conta con máis de 300 produtos e 81 empresas certificadas, e busca, segundo recordou Cabaleiro, "ofrecer ás empresas unha certificación de garantía de cara ao consumidor" e "continuar sendo a grande marca de promoción colectiva para todo o produto galego".

O selo Galicia Calidade naceu para distinguir aqueles produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción, unha vez contrastada a súa calidade mediante as auditorías de control.

Te puede interesar