CRÓNICA

Aquela educación de vangarda

OURENSE. 01.08.2015. OS MILAGROS, COLEGIO. HOMENAJE GRAÑA, PELETEIRO Y NIETO. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera De esquerda a dereita: Antón Fernández, Manuel Conde, Xosé Luis Nieto, Manuel Peleteiro, Lalo Pavón, Emilio González Graña, Romero e Suárez Canal, na mesa redonda. (MIGUEL ÁNGEL)

Exalumnos do colexio de Os Milagros rendiron unha homenaxe aos antigos profesores Emilio González Graña, Manuel Peleteiro e Xosé Luis Nieto, polo seu compromiso cun proxecto educativo posto en marcha en 1969 baseado no respeto aos rapaces

Emilio González Graña, Manuel Peleteiro e Xosé Luis Nieto eran profesores no colexio de Os Milagros en 1969, cando desenvolveron un proxecto educativo de vangarda que tiña como norte "o respecto ós rapaces, a valoralos polo que eran e crer niles", segundo lembrou onte o propio Peleteiro. De feito, o centro, rexido polos frades paúles, foi unha referencia educativa e social na década dos70 do século XX; todo baixo a dirección de Odilo Cid, xunto cun grupo de xóvenes profesores entre os que estaban os tamén paúles Serxio Fierro, Francisco Carballo –os tres desaparecidos e que foron lembrados con agarimo por todos os intervintes onte na homenaxe-, e os tres que acudiron ao encontro. Con eles, outro sinalado grupo de profesores laicos, como Alfredo Suárez Canal, Arturo Fernández Nóvoa, Ramón Romero Pardo –os tres, con Graña, coincidiron logo como profesores durante anos no instituto Otero Pedrayo-, ou Xaquín Méndez Anta.

Baixo o liderado de González Graña o colexio de Os Milagros foi moito mais que eso, xa que se convertiu nun movemento social de vangarda, acollendo numerosos actos de carácter cidadán, profesional, cultural e político nas suas instalacións, mesmo aínda no franquismo. Moitos dos alumnos da época deixaron onte constancia da influencia que exerceu o sistema educativo e o funcionamento do centro na súa formación intelectual e persoal. Entre eles figuraban onte o abogado Alfonso Prada Allo; o economista e exalcalde de Maceda Bieito Seara; o médico Luis Alfonso Vázquez; o exdeputado provincial e exsindicalista Manuel Conde Gómez; ou o exvicerreitor da Universidade de Vigo, Antón Fernández.

A merecida homenaxe permitiu lembrar dende a distancia o sucedido a finais dos anos 70, cando as autoridades do momento escomenzaron a presionar para tratar de neutralizar aquel forte movemento que xurdira aos pés de Monte Medo; o proceso acabou coa expulsión de Graña, co que se solidarizaron, e por iso tamén abandoaron o colexio, Peleteiro e Nieto.
O posicionamento crítico frente ás vellas fórmulas da antiga comunidade, a concienciación sobre o fenómeno da emigración, o achegamento ás clases populares e á xente con poucos recursos; o compromiso co galeguismo ou a introducción de representantes dos alumnos nos claustros serían, segundo o estudoso César del Caño, algúns dos detonantes daquela expulsión e daquela forma vangardista de educar que chocaba, e como, cos cánones establecidos.

Hai quen busca as raíces daquela espléndida forma de educar moito máis atrás, cando unha serie de cregos de nova xeración, impulsados polo ambiente de cambio creado polo Concilio Vaticano II, empezaron a establecer conexións coas comunidades de base que xa funcionaban en Madrid, sobre todo coa influencia do coñecido Padre Llanos, protagonista do impulso ao Pozo del Tío Raimundo.

No emotivo acto de onte, exalumnos lembraron algunhos daqueles momentos e o que significou o colexio para eles e para a comarca, como o fixeron o resto dos intervintes.
Despois tivo lugar un concerto do grupo musical A Quenlla, tras do cal os homenaxeados foron agasallados cunha caricatura de cada un deles, feitas por Juan Antonio Pardos, tamén exalumno. O programa continuou cun xantar de confraternidade e con actuacións musicais e teatrais pola tarde, a cargo de exalumnos do colexio de Os Milagros. 

Te puede interesar