Elena Vázquez Cendón, ou como remontar o Barbaña

María Elena Vázquez Cendón, fronte ao IES As Lagoas. (MIGUEL GARCÍA)
photo_camera María Elena Vázquez Cendón, fronte ao IES As Lagoas. (MIGUEL GARCÍA)
A decana da única facultade de Matemáticas de Galicia, Elena Vázquez Cendón, é ourensá. Acaba de ser premiada co María Josefa Wonenburger a científicas referentes. Aprendeu a coller datos na presa de Velle.

Unha escala de peixes é unha escaleiriña para que estes animais acuáticos remonten o río, especialmente cando hai encoros. Tras este sistema hai moita matemática e toda unha declaración de intencións: a vocación de resolver problemas para mellorar as cousas. Neste caso, que os peixes non afoguen. A escala de peixes é só un de tantos proxectos que María Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) liderou ao longo dunha extensa traxectoria de investigación e divulgación que acaban de recoñecerlle co premio María Josefa Wonenburger, por ser unha referente no seu ámbito. Doutora en Matemáticas, é a decana da única facultade de Galicia que imparte esta disciplina, en Santiago. A súa historia de paixón coas matemáticas empezou de nena, porque era a filla do xastre e caíanlle as propinas, que tiña que repartir cos irmáns. Aínda que daquelas, e ata un mes antes de empezar a universidade, tiraba máis pola Física. Agora son outros nenos os que descobren as Matemáticas, en parte, gracias a ela: Martín Padrón, ourensán que acaba de participar na Olimpíada Internacional de Matemáticas, escribiulle o seu primeiro correo electrónico a Cendón cando só tiña 10 anos. Agora, coma ela, a súa historia saiu na prensa en varias ocasións. “Martín foi un dos que me felicitou polo premio este fin de semana”, presume a matemática.

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta, que lle entregará o galardón o próximo día 20, tivo en conta a súa carreira investigadora e o seu compromiso coa divulgación á fronte do proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia). Máis de 300 mozos de toda Galicia se anotan a esta iniciativa. Só 30 elixidos desfrutan das matemáticas, durante 20 fins de semana ao ano na facultade que dirixe Cendón. Esta xesta é un dos logros que máis feliz fai á matemática ourensá. 

O río dentro

Outra das cousas das que presume María Elena Vázquez Cendón é de Ourense. Aprendeu as matemáticas no antigo colexio Sueiro e despois no instituto de As Lagoas. “Hai moitas persoas con raíces ourensás vinculadas ás matemáticas”. De feito, esas raíces poden estar detrás dun elemento común das súas investigacións: a auga. Ten traballado con equipos de México en sedimentación, análises do movemento da auga nos ríos, aplicacións nas rías galegas, prevención en rotura de presas e as citadas escalas de peixes. “Agora que lle estou dando voltas ao discurso, ser ourensá e vivir ao lado do Barbaña e despois nas Lagoas, pode ter algo que ver. De feito, o primeiro traballo que fixen no instituto foi ir á presa de Velle a coller datos para coñecer o caudal do río, ao longo de varios anos. Daquelas non había tecnoloxía e facíase todo a man. A xente de Ourense levamos o río dentro”.

Para Elena, “o máis apaixoante é poder aprender con xente doutros ámbitos, escoitar o problema e traducilo a solucións matemáticas”. Tamén se emociona con levar un premio co nome de María Josefa Wonenburger, matemática á que coñeceu moito. “As referentes son moi importantes e o ‘eme’ de muller conéctame con María Josefa”. O ‘eme’ de María Elena Vázquez Cendón tamén a conecta a ela coa Facultade de Matemáticas que dirixe e na que rachar a fenda de xénero tamén é cada vez máis posible. Coma os peixes que logran remontar o río con axuda, as mulleres matemáticas que se forman en Galicia xa son máis que os homes. As referentes, coma María Elena Vázquez Cendón, seguro que teñen moito que ver.

Te puede interesar