“Emilia”, un programa feito por e para mulleres en Amoeiro e Coles

Mujeres participan en uno de los talleres.
photo_camera Mujeres participan en uno de los talleres.

Decenas de mulleres dos concellos de Amoeiro e Coles, de procedencias e situacións moi diversas, participan conxuntamente no programa Emilia, unha iniciativa conxunta dos dous concellos que busca dar un apoio transversal ás veciñas destes municipios.

A igualdade e a loita contra a violencia de xénero une aos concellos de Amoeiro e Coles, que, en conxunto, puxeron en marcha a primeira edición do Programa Emilia, una iniciativa interdisciplinar que ofrece formación, obradoiros e un servizo gratuíto e profesional de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral individualizado a cada unha das participantes. Este programa, que debe o seu nome a Emilia Pardo Bazán, está cofinanciado pola Xunta e ten un orzamento de máis de 10.000 euros.

Así, o programa establece tres fases de actuación: unha primeira centrada na saúde e no benestar; a segunda basearase na reflexión e nos debates sobre o papel da muller na historia; e a terceira estará centrada na formación para o traballo. 

Laura Seara é unha das responsables desta iniciativa e destaca que “as mulleres que están no programa teñen moita implicación e expectativas con este programa. A participación está sendo boa”. Seara conta que a atención individualizada é a parte que máis éxito ten, e que é a través destas atencións as mulleres empezan a apuntarse aos obradoiros colectivos. Sobre as particularidades dos concellos de Amoeiro e Coles, Seara indica o “perfil heteroxéneo”, a diferencia doutros concellos ourensáns, onde o perfil é máis similar entre as participantes. “Bastantes migrantes, mulleres con discapacidade, en situación irregular…”, detalla Seara.

“É un programa moi transversal, feito por mulleres e para mulleres e que toca moitos paus: eliminar as dificultades das vítimas de violencia de xénero, inserción laboral, atención psicolóxica e xurídica, autocuidados, saúde, soidade non desada. Sempre desde unha perspectiva feminista e co obxectivo de lograr unha igualdade real e efectivaa”, argumenta Seara. Ademais, os contidos están pegados á actualidade e abertos ás suxerencias das participantes.

Dende os concellos de Coles e Amoeiro son conscientes da necesidade deste tipo de programas, pero tamén de que cheguen á maior poboación posible. Para isto están levando moitos dos cursos a parroquias rurais dos municipios, así como facilitando algún transporte para mulleres interesadas en acudir aos obradoiros pero que non poden desprazarse. 

Te puede interesar