PREMIOS A ESCOLARES

Os escolares de Ourense enxalzan o Estatuto dos galegos

Coro Infantil e Xuvenil Cantiga de Ourense (foto: José Paz)
photo_camera Coro Infantil e Xuvenil Cantiga de Ourense (foto: José Paz)
Houbo un total de 45 premiados e máis de 400 traballos presentados

Ata 45 escolares foron premiados onte nos Premios Estatuto de Autonomía que organiza a Deputación de Ourense para resaltar o papel da norma básica institucional de Galicia, que cumpre 43 anos de vixencia. O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, presidiu onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel, xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o acto de entrega dos galardóns.

Con este certame, a institución provincial conmemora o Estatuto de Autonomía e difunde o seu significado entre os escolares. Nesta undécima edición, baixo o lema “A defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”, o xurado seleccionou a 45 alumnos de entre os 436 traballos presentados nas categorías de redacción (98) e debuxo (338).

Hai xa 11 edicións que se decidiu desde a Deputación conmemorar esta data, xa que o Estatuto de Autonomía de Galicia dá natureza xurídica a toda a arquitectura institucional autonómica de Galicia, así como á identidade e á nación cultural galega”, lembrou César Fernández.

Entrega dos Premios Estatuto de Autonomía, onte no Marcos Valcárcel (foto: José Paz)
Entrega dos Premios Estatuto de Autonomía, onte no Marcos Valcárcel (foto: José Paz)

Cos seus traballos, o alumnado puido reflexionar sobre “unha das cuestións que sinalaba en concreto o Estatuto de Autonomía: a preservación da cultura, da identidade cultural galega”, salientou Fernández. Agradeceu o traballo de todos afirmando que “coñecendo o Estatuto de Autonomía estades contribuíndo a reforzar a idea de que Galicia é unha autonomía cunha identidade e unha lingua propia e cunha cultura de seu e, polo tanto, o voso traballo tamén é mostra do voso compromiso”.

Pola súa banda, Miguel Santalices puxo en valor o feito de ser a “única provincia galega que celebra a través dun acto oficial este Estatuto”. Unha homenaxe, destacou, “á todos aqueles que traballaron a prol deste Estatuto, así como a todos os ourensáns, porque me sinto moi orgulloso de que tomemos conciencia da súa importancia a través deste certame”. Animou a participar no programa de visitas do Parlamento que teñen en marcha para achegar a Cámara lexislativa á cidadanía.

Premiados

Os 45 alumnos premiados pertencen aos centros Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas; CPR Plurilingüe Luis Vives; CPR Plurilingüe Padre Feijóo-Zorelle; CPR Plurilingüe La Purísima; Álvarez Castro Beatriz; e o CEIP de Sandiás.

O acto contou coas intervencións musicais do Coro Infantil e Xuvenil Cantiga de Ourense e a actuación do Mago Teto.

O xurado estivo conformado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, que actuou en calidade de presidente; as deputadas provinciais María Teresa Barge e Elvira Lama; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, que actuou como secretario.

As modalidades do concurso foron dúas; o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial presentou debuxos e traballos artísticos; mentres que o resto concursou cunha redacción en galego sobre o Estatuto.

Te puede interesar