Un informe coordinado polo Valedor xa evidencia elementos que haberá que mellorar ou reorientar como a presenza de encoros e o 'feísmo'

Esgos escenifica a 'unidade' para pedir que a Unesco declare a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade



Os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo e o do consorcio turístico da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, asinaron este sábado no cenobio de San Pedro de Rocas (Esgos), un convenio a tres bandas para iniciar conxuntamente os trámites e informes necesarios para pedir á Unesco que declare a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade.
A pesar das discrepancias de ambos os dous presidentes provinciais sobre a fórmula do convenio, finalmente iniciouse un camiño 'ilusionante', en palabras de José Ramón Gómez Besteiro (Lugo) e José Manuel Baltar (Ourense), para conseguir unha declaración que podería estar lista 'nun ou dous anos', segundo o valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernánez.

Precisamente, o alto comisionado do Parlamento aludiu aos valores potenciais da Ribeira Sacra, aínda que tamén se fixou nos problemas que haberá que solucionar, como xustificar os elementos do 'feísmo urbano' e a proliferación de encoros nos canóns do Sil, que 'seguramente poderemos explicar como base de creación dos novos ecosistemas actuais'.

Este acto estivo apoiado, coa súa presenza, polo conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, en representación da Xunta, administración que tamén colaborará con este proxecto, que arrancou simbolicamente no mosteiro de San Pedro de Rocas, do século IV, primeiro mosteiro construído na Ribeira Sacra, bisbarra que recibe o seu nome precisamente da presenza de numerosos recintos monásticos e relixiosos.



'BERCE DA RIBEIRA SACRA'


Un dos promotores da idea de impulsar esta petición, Manuel Baltar, deu a benvida aos asinantes do convenio no interior de San Pedro de Rocas e recordou que o lugar elixido é o mosteiro máis visitado de toda a Ribeira Sacra, con máis de 25.000 persoas ao ano. 'Foi berce do carácter monástico da bisbarra, pois aquí xa había vida intelixente hai 1.500 anos e hoxe, de novo é berce para o camiño ilusionante que queremos comezar e que rematará, seguro, coa declaración de Patrimonio da Humanidade', explicou.

Tras a sinatura do convenio por parte de Baltar, Gómez Besteiro e Armesto, sentados na mesa xunto con Jesús Vázquez e José Julio Fernández, todos eles e os alcaldes e autoridades presentes colocáronse baixo a espadaña do mosteiro, situada a 12 metros de altura sobre un arco natural pétreo, para a foto de familia e as intervencións dos asinantes.

Armesto dixo sentirse moi 'orgulloso pois tras as discrepancias das últimas semanas, se impuxo o consenso e é unha satisfacción que esteamos todos presentes'.

Así mesmo, aludiu ás características que fan á Ribeira Sacra merecedora da declaración que hoxe comeza a solicitarse, e sinalou a paisaxe natural conformada polos canóns dos ríos Cabe, Sil e Miño, entre outros, o patrimonio histórico-artístico 'pois atesouramos a maior concentración de construcións románicas do rural europeo' e a paisaxe 'de vertixe' asociada aos viñedos.



SÓ CON UNIDADE E CONSENSO


Tanto Armesto como os demais asinantes insistiron en ideas como 'consenso' e 'unidade', ante o longo camiño iniciado o sábado pois só 'traballando xuntos e con lealdade conseguiremos calquera meta e iso téñeno claro hoxe todos os concellos que están aquí', rematou o presidente do consorcio turístico.

Pola súa banda, Gómez Besteiro, recordou o que foi o antes e o despois da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade e dixo que, tras 13 anos transcorridos dende que se conseguiu, quedou demostrado que o lema 'o'conseguimos entre todos, é real'.

'Será un camiño longo que comeza hoxe e rematará en próximos anos se mantemos a unidade por o que hai que sumar vontades dentro e fóra de Galicia como xa comezou a facer un autobús que percorre a xeografía galega e agora máis alá, que xa reuniu case 6.000 sinaturas e haberá que seguir traballando en unidade', recalcou.



OBXECTIVO ESIXENTE


Pola súa banda, o valedor do Pobo avogou por traballar 'dende xa, ou mellor dende onte', pois hai 'cuestións importantes para solucionar aínda' e se referiu a 'elementos básicos' como os mosteiros e outros que hai que reorientar e que denominou 'incidencias da obra humana na paisaxe' para non ser 'politicamente incorrecto' segundo dixo.

Entre os elementos que hai que mellorar, falou dos 'socalcos' (terrazas graduadas) para a explotación vitícola das que dixo que non serán problema pois xa en Italia xustifican a denominación de 'viticultura heroica'.

'Pero si me preocupa buscar como vender á Unesco a proliferación de encoros, que igual podemos sustentar en xustificar novos ecosistemas creados no seu ámbito' e engadiu ás súas preocupacións neste tema 'lograr unha axeitada ordenación urbanística dende o punto de vista estético', concretou Fernández.

A bisbarra da Ribeira Sacra, segundo o algo comisionado, conta cunha tipoloxía tradcional de construción 'hermosísima' pero en oito meses 'chegarán os inspectores e percorrerán os pobos e verán cousas que non son así, polo que teremos que minimizar o impacto do feísmo'.

Finalmente interveu o conselleiro de Cultura e Educación Jesús Vázquez, quen explicou que a Xunta non foi asinante do convenio inicial en San Pedro de Rocas 'porque se atrasaría este acto xa que debería pasar por intervención e outros trámites'.

Así que, segundo dixo, o papel da Xunta queda especificado no texto do convenio asinado 'como dar respaldo incondicional, e asesoramento técnico aos promotores' para conseguir a máxima dilixencia na tramitación antes de levala ao ministerio de Cultura' detallou.

Te puede interesar