Expertos estudan iniciativas para frear o abandono de terras no rural

undefined
photo_camera O grupo de expertos na visita a O Rexo.
Esta iniciativa continúa a senda do proxecto Aterra, posto en marcha hai dous meses polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia promoveu esta semana un encontro no que participaron expertos -un total de 20- pertencentes ao Grupo Focal “Recuperación de terras agrarias abandonadas”, da Rede Europea da PAC (EU CAP Network).  A cita discorreu por diferentes puntos da provincia, principalmente, entre Allariz e Boborás: no Ecoespazo de O Rexo e na gandeiría de leite Ecoleia -ambos no termo municipal de Allariz- e na aldea modelo de O Penedo, en Boborás.

Tal e como explicaron dende o propio GDR, o obxectivo é que durante este primeiro semestre do 2023, dito grupo de expertos de toda Europa traballe na identificación e na análise de iniciativas que reduzan o abandono de terras agrarias, así como para recuperar aquelas xa abandonadas. Concretamente, ao longo destes seis meses abordarán os principais retos e oportunidades neste senso e as diferentes dimensións deste tipo de procesos: técnica e produtiva, social e institucional, ambiental e económica.

ATERRA

Esta iniciativa continúa a senda do proxecto Aterra, posto en marcha hai dous meses polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia para reactivar terras e iniciativas no rural mediante o establecemento dun contacto entre demandantes de terras e propietarios das mesmas.

Así o reiteraron dende o propio GDR, que calificou esta iniciativa como “ambiciosa” e que procurará dar impulso a novos proxectos agrogandeiros en todo o territorio de actuación do Grupo de Desenvolvemento Local, é dicir, os concellos pertencentes ás áreas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. Para obter máis información pódese consultar aterra.gal.

Te puede interesar