A exposición de Manuel Moleiro recibe ata 40 visitas diarias de media

Moleiro na inauguración da mostra. (Foto: MARCOS ATRIO)
A exposición '20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte da miniatura' recibe, de media, a visita de 40 persoas diarias. Trátase dunha recompilación das reproduccións que a editorial do ourensán Manuel Moleiro realiza de códices e libros antigos e que pode verse no Centro Cultural da Deputación.
Luis Gonzalo é o encargado da editorial Moleiro en Galicia e, ademais, a persoa que durante estes días está presente na exposición para solventar as dúbidas dos visitantes. Dende a súa posición asegura que 'hai de todo', quen pregunta e quen non. Algúns dos que se achegan a contemplar estes 'case-orixinais' non levan un coñecemento previo do que van ver 'e levan unha grata sopresa'. Outros non só coñecen o traballo do ourensán afincado en Barcelona, senón que incluso 'son clientes xa', segundo conta Luis Gonzalo. O que todos teñen en común é que 'ninguén marcha decepcionado'.

'Os visitantes sorpréndense de que alguén sexa capaz de facer estas cousas', en palabras do representante da editorial, aínda que o prezo dos volumes, entre 500 e 20.000 euros, non causa menor sorpresa. O primeiro dos colectivos, os que non oíran falar de Moleiro antes, mostran interese por coñecer como se fan os volumes, como se copian e encadernan para que o seu acabado sexa idéntico ó dos orixinais.

Luis Gonzalo non adoita facer visitas guiadas, senón que agarda a que lle pregunten posto que a maioría dos visitantes acoden de xeito individual. Con todo, fai algunha excepción, como aconteceu cunha visita da Cruz Vermella. En xeral, tódolos volumes interesan, aínda que algúns coma os Beatos despertan a maior curiosidade.n

'20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte da miniatura', no Centro Cultural da Deputación ata o 8 de xaneiro.

Te puede interesar