Felipe Ferreiro Feijóo, da Cruz Vermella: "Os coidadores en Ourense tamén son maiores"

Felipe Ferreiro, diante da sede da Cruz Vermella de Ourense.  JOSÉ PAZ
photo_camera Felipe Ferreiro, diante da sede da Cruz Vermella de Ourense. JOSÉ PAZ
Entrevista en profundidade ao presidente do Comité Provincial da Cruz Vermella de Ourense

En moitos fogares ourensanos, Papa Noél leva o chaleco encarnado da Cruz Vermella. Esta institución repartirá a partir do próximo 22 de decembro xoguetes a 600 nenos e nenas da provincia, fillos de familias en risco de pobreza. O presidente do seu Comité Provincial, Felipe Ferreiro (San Martiño, Cualedro, 1951),  asegura que tan importante é a doazón dunha gran empresa como a dun gandeiro de Pereiro de Aguiar que lles levaba ovos frescos das súas galiñas durante a pandemia.

En que consiste a campaña de xoguetes de Nadal?

Queremos que os nenos de familias necesitadas, en situación de exclusión social e en risco de pobreza poidan desfrutar e que, polo menos, teñan un xoguete nas mesmas condicións que calquera neno de calquera familia. Temos unha campaña de recollida de xoguetes, que empezou en outubro e remata o 15 de decembro. Algunha empresa grande de Ourense xa nos fixo unha doazón importante e, ademais, nós poñemos fondos propios. Hai varios puntos de recollida de xoguetes na cidade, como o Campus, comercios, negocios e na Cruz Vermella. Teñen que ser xoguetes novos, non sexistas e non bélicos.

E cando reparten os xoguetes entre os nenos?

A partir do 22 de decembro; depende das familias, pode ser o día de Nadal ou en Reis. Repartiremos xoguetes a uns 600 nenos e nenas de toda a provincia. Vemos a situación de cada familia e adaptamos os xoguetes ás necesidades e idades dos nenos.

Teñen un proxecto de Éxito escolar.

Si, consiste en atender a nenos e nenas dous días á semana, polas tardes, axudarlles nas nosas sedes a facer os deberes con voluntariado  e darlles unha merenda saudable. Tamén ensinamos ás familias o que é unha alimentación saudable. Hai uns 370 nenos neste proxecto.

Preocupa a soidade non desexada dos maiores nestas festas?

Unha das nosas preocupacións prioritarias, ademais do emprego, son as persoas maiores que están solas. Hai fillos que traballan moitas horas e levan ós pais a unha residencia, e moitos séntense en soidade. Apoiamos ós maiores todo o ano: facemos talleres, temos voluntariado que os acompaña, que os visitan nas súas casas para conversar ou tomar un café, que os levan ó médico. Por suposto, temos usuarios con teleasistencia, particular, do Concello ou da Deputación. Despois de toda unha vida traballando e facendo sacrificios, non queremos que se sintan en soidade. Se premen un botón, sempre vai haber alguén que lles atenda.

Apoian tamén ós coidadores?

Si, porque as persoas coidadoras na nosa provincia tamén son moi maiores. Temos o caso dunha centenaria coidada por unha filla de case oitenta anos. Necesitan orientación e formación, aparte de apoialos na sobrecarga emocional.

Que fan no programa Enrédate?

Facemos obradoiros de memoria, pintura, teatro, ou saídas culturais. Son escusas para xuntar á xente ó longo de todo o ano. Hai moita xente que non ten con quen falar. Nas aldeas hoxe, sobre todo no rural,  quedan oito ou dez persoas maiores, que case non se ven porque as casas están illadas. Hai dispersión xeográfica, envellecemento e dificultades de  comunicación e transporte.

 Cantos voluntarios teñen?

Este ano temos 3.100 na provincia. O 19 de decembro imos facer un encontro de voluntarios na sede provincial e nas comarcais para agradecerlles todo o que se dedican ás persoas. Fai dous anos que non celebramos este acto de convivencia pola pandemia. En maio ou xuño faremos o acto autonómico de recoñecemento ó voluntariado, que se fará en Ourense.

A inflación está aumentando o número de usuarios?

Si,  hai catro ou cinco meses detectamos que moitas persoas que non necesitaban axuda para o fogar, a enerxía, ou colexio dos nenos… estanse vendo en situacións moi delicadas.  Os prezos están subindo unha barbaridade. Eso levou a que en setembro os presidentes de toda España reunímonos para aprobar oito millóns de euros para axudas inmediatas. A Ourense correspondéronlle cerca de 200.000 euros. Estímase que atenderemos a 370 familias máis e 1.400 persoas máis. A multinacional BP doou outros dez millóns para este programa, chamado Reacciona. E está chegando moita xente de Colombia, Venezuela, Perú… e con nenos.

Como son estas axudas?

De todo tipo: en especias, pagar unha factura eléctrica, de auga, sanitaria, dunha avaría, ou leña, de alugueiro… Actuamos inmediatamente. Máis de 7.300 persoas foron atendidas na área de inclusión social e máis de 8.300 recibiron bens e axudas económicas.

Cantas empresas colaboran?

Máis de 400 empresas, como Carolina Herrera, Naturgy, Eroski, Unespa, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense ou a Deputación, entre outras. O 19 de decembro faremos no centro Marcos Valcárcel o acto de recoñecemento ás empresas que colaboran no proxecto de Emprego, no que participaron este ano máis de 800 persoas. Cada empresa colabora en función das súas posibilidades; na pandemia un señor de Pereiro traíanos ducias de ovos.

 A canta xente atenderon no 2022?

A 11.000 persoas en total na provincia, das que  7.000 son da cidade.

Somos máis solidarios en Nadal?

Si, a xente colabora co que pode, aínda que sexa un pequeno donativo.

 Recibiron unha mención na Subdelegación do Goberno pola acollida de refuxiados de Ucrania.

Si, temos un programa de acollemento a persoas que solicitan asilo en España. Tivemos que facer un esforzo para acoller ós ucranianos en dous hoteis da provincia, no Cumial e en Baños de Molgas. Darlle aloxamento, comida e clases de español. Agora mantemos un hotel aberto para trinta persoas; chegamos a ter máis de sesenta. Abrimos tamén un centro en Sobrado do Bispo no Concello de Barbadás, nun colexio que nos cedeu unha congregación relixiosa, e onde hai entre corenta e cincuenta prazas. Alí atendémolas integramente. En total, este ano atendemos a 350 persoas refuxiadas, e delas máis de 230 procedían de Ucrania.

Te puede interesar