ENTREVISTA | VIDA

Fernando González, día a día entre escenarios

1op5498_result
photo_camera Fernando González

Fernando González é un home inquedo. Teatro, audiovisual e música son tres ámbitos nos que traballa poñendo en cada un deles a mesma intensidade e paixón. Agora está inmerso na representación da obra "Resaca", de IlMaquinario que aínda se pode ver hoxe no Auditorio de Ourense antes de que marchen a Santiago para participar no festival Escenas do Cambio

Dende o espectáculo infantil "Piratas", de Teatro do Noroeste, ou "Perplexo", de IlMaquinario, pasando por series como "Dalia, a modista" ou "Fontealba", ata a curta "Disney" (coa que foi recoñecido como Mellor Actor no Festival Medina del Campo e no Festival de Cans), contan coa presencia do actor. Agora está inmerso na representación da obra "Resaca", de IlMaquinario que aínda se pode ver hoxe no Auditorio de Ourense antes de que marchen a Santiago para participar no festival Escenas do Cambio.

Teatro, cine, televisión, música... é vostede un aunténtico fervello! Se tivese que elexir, con que se quedaría?

1op5515_resultÉ unha pregunta moi recurrente pero sería como preguntarlle a uns pais se queren máis a un fillo que a outro. Evidentemente teño moita máis formación a nivel interpretativo que a nivel musical pero ambas cousas son parte fundamental na miña vida e non quero desprenderme delas de ningún xeito. Estou igual de cómodo en ambas xa que son actividades totalmente vocacionais e apórtanme sensacións diferentes e moi positivas.

Agora, con IlMaquinario, acaba de estrear “Resaca", que nos pode contar desta peza? 

"Resaca" ten moito que ver co que contaba da música. É a "nosa" primeira obra, e digo “nosa” porque é o primeiro texto que está íntegramente feito a partires das nosas inquedanzas, experiencias, anécdotas ou intereses tanto sociais, familiares como políticos. Polo tanto, sairemos a cantar, falar, mirar, bailar e berrar as nosas preocupacións e os nosos recordos persoais en escena. É imposible non implicarse dun xeito atroz cando sentes que este é un proxecto que realmente se identifica co noso pasado, presente e mesmo futuro. É algo realmente emotivo para nós pero tamén para calquera espectador, xa que penso que personalizamos en nós mesmos historias, persoas ou momentos que todo o mundo lembra ou ten presente no seu imaxinario. Os que queiran ver a obra, aínda poden facelo hoxe, ás 19,00 horas, no Auditorio de Ourense. Logo marchamos a Santiago para representar a peza no festival Escenas do Cambio. 

Cales son as expectativas desta nova obra tras o éxito de “Perplexo" que acadou cinco premios María Casares? 

Temos moitas expectativas postas neste traballo pero a maior de todas penso que é que esta  homenaxe sexa recibida con orgullo e cariño tanto polas persoas que nos educaron, ensinaron ou acompañaron comotamén por nós mesmos. Se iso se consegue, sentirémonos máis que premiados!

En televisión comenza a ser un personaxe coñecido polo seu papel en diferentes series, como leva eso da “fama"?

(Risas) Creo que cando tes paixón pola túa profesión o que menos che interesa é ser máis ou1op5509_result menos coñecido. Neste caso, eu aínda son case un novato neste mundo televisivo e o meu  único interese é seguir aprendendo de xente que leva tantos anos traballando tanto e tan ben no noso país e que teñen moito que ensinarnos aos que comezamos no sector audiovisual. Creo que non somos conscientes de todo, pero realmente é incrible a calidade dos proxectos que se fan en Galicia con tan pouco orzamento e deberíamos valorar este sector como se merece, porque materia prima haina, e moita. 

Coa curta “Disney" resultou gañador como Mellor Actor no Festival Medina del Campo e no Festival de Cans, que sente con estes recoñecementos?

Unha mestura incrible entre sorpresa e ledicia. “Ledicia”, porque é evidente que, fóra de ser máis ou menos coñecido, o que máis lle reporta a un actor é que o seu traballo sexa valorado, e “sorpresa”, porque sempre tes a sensación de pódelo ter feito mellor e o último que agardas é que en dous festivais tan grandes como Cans e Medinadel Campo, escollan o teu traballo por diante de grandes intérpretes aos que admiras. "Disney" foi un proxecto pequeno, pequenísimo... pero feito cun amor inmenso e cun grupo de profesionais absolutamente marabillosos. E eu son dos que pensan que os máis grandes profesionais son os que fan mellores aos seus compañeiros. Sinceramente, creo que foi iso o que sucedeu. 

Como compoñente do grupo Priscila, que é o que máis lle atrae da música?

Sen dúbida, o feito de poder berrar as túas verbas e os teus pensamentos dun xeito visceral, emotivo, sincero ou lúdico, non ten prezo. A música ten diferentes estilos pero carece de definición en canto as emocións. Nun mesmo directo podes sentir milleiros de cousas distintas pero que todas parten de ti como individuo, non dunha personaxe que tes que crear para un traballo en concreto. Creo que a música é unha adicción.

Mirando atrás, como sinte que ten evolucionado dende os seus comezos ata o día de hoxe?

É curioso, porque non teño unha sensación de ser mellor ou peor actor dun xeito tanxible. Creo que no noso traballo inflúe tanto a nosa situación persoal que todo vai ligado, non se poden ver como entes separados. O meu crecemento como persoa, tanto en intereses como en madurez, afecta moi positivamente á miña carreira como intérprete. Por iso, podo dicir que agora son un actor máis completo que haiuns anos, cando comecei, pero aínda queda un longo camiño por facer.

Algún próximo proxecto que poida desvelar?

Por agora, traballar moito para este novo proxecto teatral, seguir explorando e medrando no audiovisual e continuar nesta inercia positiva de aprendizaxe nos posibles traballos que aparezan no futuro máis próximo. Tamén hai algo a nivel musical que pronto desvelaremos... 

Te puede interesar