Festa dos nenos no día de Casares

<p></p>
photo_camera Os máis cativos seguiron o libro "Onde vai Carlos?" coa contacontos María Lado, unha actividade organizada por La Región.

Contacontos e un espectáculo de maxia para os máis cativos, e unha visita guiada polo roteiro de Casares foron algúns dos actos que se celebraron na cidade para render homenaxe ao escritor ourensán.

A lembranza de Carlos Casares ficou onte no corazón da cidade da que é fillo predilecto. A rúa do Paseo concentrou as principais actividades que se levaron a cabo no centro de Ourense, con motivo do Día das Letras Galegas.

Dende as 11,00, e ata as 21,00 horas, permaneceron abertos os stands dos libreiros, que agardaban unha gran acollida. "As expectativas son boas porque parece que o tempo está ao noso favor: nin chove nin fai moita calor", comenta José Manuel García, dono da librería Cátedra.

Os libros de Casares e os de temática infantil eran dos máis demandados. "Xa levamos un mes vendendo moito de Casares, tanto 'O sol do verán' como 'A galiña azul', e hoxe imaxino que a tendencia continuará por aí", explica o libreiro. Pastora e Gerardo mercaron "O can Rín e o lobo Crispín" para o seu neto André, que vive en Madrid. "Queremos que o neno aprenda galego e se empape da nosa cultura, aínda que non poida estudar aquí", explica a parella de xubilados.

Precisamente, os protagonistas do día foron os nenos.E é que festividade do 17 de maio animou aos pais e as nais a acudir cos seus fillos aos actos programados con motivo das Letras Galegas. Organizado por La Región, cativos e maiores seguían, na Alameda, o conto "Onde vai Carlos?", da man da contacontos María Lado, que escenificou unha historia ilustrada sobre a figura do escritor ourensán.

En primeira fila estaba sentada Noa, unha amante da literatura de tan só 3 anos. Súa nai adoita lerlle contos polas noites. "Para hoxe xa temos o de Casares, verdade Noa?". Coa cabeza, e sen perder o fío do conto, asentíu a pequena.

Ao mesmo tempo, no centro cultural Ángel Valente tamén se celebraba un espectáculo con maxia e música, "unha viaxe pola vida do escritor con vitamina C C, de Carlos Casares", tal e como definiron os intérpretes. Natalia Castillo acordou con outras nais acudir a esta actividade infantil para reforzar o que aprenderan os seus nenos na escola. "Quieras que no es un poso más, y a ellos les queda todo mucho mejor", explica esta bilbaína, que recoñece que, á saída, mercaría "A galiña azul" para a súa pequena.

Samuel saliu eufórico do espectáculo e, aproveitando que estaba alí, deuse unha volta pola exposición "Os mundos de Carlos Casares", que recolle máis de 500 pezas intrinsecamente ligadas á vida do intelectual. "Lo que más me llamó la atención fueron las medallas porque me gusta que le diesen tantas cosas por escribir libros", comenta o rapaz de 10 anos.

Nese mesmo escenario, á entrada da Sala Valente, fixouse o punto de encontro do roteiro Casares, cuxa primeira placa se sitúa no parque de San Lázaro. Alí, déronse cita arredor de medio centenar de persoas para facer o percorrido guiado, da man do profesor Afonso Vázquez Monxardín, un dos promotores deste roteiro.

A guía turística Noemí Álvarez sumouse a esta iniciativa co obxectivo de coñecer máis a fondo a historia de Carlos Casares e a orixe deste roteiro. "Polo meu traballo, interésame coñecer a historia do roteiro porque os turistas pregúntannos pola vida dos escritores da cidade", explica.

Te puede interesar