Entrevista

Fina Calleja: "Temos moitas ganas de volver a compartir espazo e respirar xunto co público”

OURENSE 2/07/2021.- Miteu, en Teatro Principal. Fina Calleja.  José Paz
photo_camera Fina Calleja (JOSÉ PAZ).
Fina Calleja é a utora e directora de “Ata aquí Orlando”

Onte estreouse, ás 21 horas no Teatro Principal, “Ata aquí Orlando”, unha obra enmarcada na programación da Miteu 2021. Esta produción está baseada nos textos sobre a personaxe Orlando de dúas escritoras: Virginia Woolf e Sarah Rulh, polas que a autora e directora, Fina Calleja, sinte  especial admiración. 

Nervios por estrear no Teatro Principal?

É un día moi excitante, sobre todo porque para moitos dos alumnos de Cordelia é a primeira vez que se van subir ás taboas do Teatro Principal. Polo tanto, dende onte hai a excitación e o nervio necesario para que ás nove da noite todo saia ben.

Que significado teñen para Fina Calleja Virginia Woolf e Sarah Rulh?

Virginia Woolf é unha referente da literatura universal, e este personaxe, Orlando, é un personaxe engaiolante. E Sarah Rulh é unha das voces máis potentes da dramaturxia norteamericana actual, e creo que en España é moi descoñecida. Ten unha gran destreza en todo o que significa o control do espazo e do tempo no teatro.

Que toque persoal ten este Orlando?

Aínda que está moi baseado no de Rulh, que á súa vez está baseado no de Woolf, pero aportándolle un toque actual, tratando temas que Woolf deixou no tinteiro.

Por que recomendaría ir a ver “Ata aquí Orlando”?

Recomendaría ver todas as pezas da Miteu 2021, porque a cultura foi un dos sectores máis maltratados pola pandemia, e espero, dende a reflexión e o desenfado, facer pasar uns 50 minutos moi agradables ao público que veña. Temos ganas de volver a compartir espazo e respirar xunto co público.

Te puede interesar