Houbo que agardar por ela, especialmente porque as temperaturas tardaban en acompañar, pero a Festa dos Maios deste ano chegou ben, tanto que as estructuras participantes superaron en 10 ás de hai agora 12 meses.

Unha florida radiografía do mundo

A rúa do Paseo encheuse de maios, participantes e paseantes que quixeron compartir a tradición dos maios.  (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Non hai dúbida de que o primeiro e orixinal propósito dos Maios é anunciar que a primavera chega a Ourense, que as flores comezan a agromar e que todos estamos moi contentos de perder de vista á escuridade do inverno.
Pero tampouco pode haber dúbida ó considerar que un dos eventos máis agardados do almanaque festivo ourensán tamén é bo para facer unha florida radiografía da actualidade mundial. Non hai maio sen copla e non hai copla sen retranca. Por iso, os 32 participantes na xornada de onte foron todos a unha ó citar a corrupción política, a operación Pokemon, o paro, os recortes en servizos públicos ou as participacións preferentes.

Un ano máis, foron moitos os veciños da cidade que percorreron adiante e atrás a rúa do Paseo poñendo en práctica o propósito que lle dá nome á vía e contemplando as verdes estructuras adornadas, na súa meirande parte, de rosa e amarelo. Entre participantes nas categorías enxebre e artístico, os maios encheron toda a rúa Lamas Carvajal e chegaron algo máis alá do edificio do Banco de España, retratados por numerosos afecionados á fotografía que quixeron levar un recordo desta festa, declarada de interese turístico para Ourense pola Xunta de Galicia.

Os responsables da revista O Tío Marcos da Portela foron os primeiros en convocar o concurso dos maios. Foi hai xa 104 anos e a tradición, lonxe de esmorecer, vai medrando cada vez que a primavera chega á cidade. Este ano, as boas temperaturas tardaron en aparecer nos termómetros ourensáns e, quizais por esta demora, os veciños da cidade estaban devecendo pola chegada de maio. Pode que sexa esta a razón que os levou a aumentar en 10 as esculturas participantes con respecto a hai hoxe un ano.

O que non variou foron os premios. Os veciños de Rabo de Galo deixáronlle paso ós máis novos da zona que, coa súa verde lareira, acadaron a victoria na categoría artística. Pola súa banda, a mellor pirámide enxebre das presentadas onte foi a do centro social Sem Um Cam. Na categoría escolar, foron galardoados a pandereteira e o pequeno cantante do centro Monteledo, mentres que as voces dos membros do colectivo A Bela Auria cantaron a copla máis valorada polo xurado. O resto de participantes, tiveron unha axuda económica pola súa participación.

Te puede interesar