A Fundación Otero Pedrayo presenta un premio estudantil

O galardón premia traballos escritos e audiovisuais en lingua galega de estudantes da ESO e Bacharelato

A Fundación Otero Pedrayo e a Xunta presentaron onte na casa museo Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro), un novo premio anual dirixido de xeito específico ao alumnado de ESO e Bacharelato galegos, e para traballos escritos e audiovisuais en lingua galega. Este galardón, presentado polo presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, complementará ao clásico Premio Otero Pedrayo das letras galegas que se outorga dende 1977.

Este certame presenta dúas categorías, unha individual e outra en grupo. De ambas as categorías sairán dous gañadores, un para o mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes da ESO e outro para o realizado polos estudantes de bacharelato. O prazo para a presentación dos traballos rematará o 15 de xaneiro do vindeiro 2022. O premio consistirá nun ordenador portátil, para a categoría individual, e nunha viaxe de estudos dunha xornada de duración, para os grupos.

Novo miradoiro

Ademais, grazas a unha iniciativa da Fundación, Trasalba gozará dun novo miradoiro, localizado en Boca Ribeira. Dende alí poderase contemplar todo o sur de Ourense, Amoeiro, Toén, o castro de San Cibrao de Las ou o monte de San Trocado, paisaxe que foi inspiración e lugar de lecer para Otero Pedrayo.

Este miradoiro combina a aposta polo turismo e o lecer coa aposta pola cultura, xa que estará emprazado a escasos metros do pazo de Trasalba, na fronteira entre os concellos de Ourense e de Amoeiro. Para Eduardo López Pereira, presidente da Fundación, trátase de engadirlle “un valor cultural e histórico á paisaxe”. Pero esta atracción terá tamén un valor literario, xa que foi Otero Pedrayo quen acuñou o termo de Boca Ribeira. Ademais, contará con bancos e mesas para os visitantes.

Te puede interesar