Furtivos

Detector de metais, un aliado dos furtivos.jpg_web

Aínda que cada vez parece menos frecuente, os xacementos arqueolóxicos seguen a sufrir as acometidas de furtivos que buscan as pezas que alí repousan. Se ben non contamos con datos recentes, a Guardia Civil constatou en España 5.035 espolios entre os anos 2000 e 2010, que revela a nada desprezable cifra de case 458 por ano. E iso que, segundo cremos, na estatística só constan os feitos que se denunciaron. Estes datos proceden do estudo “La Guardia Civil y la lucha contra el expolio arqueológico”, publicado en 2015 por Javier Morales Bravo de Laguna, membro da “Unidad Central Operativa. Grupo Patrimonio Histórico” do instituto armado. O espolio para conseguir obxectos arqueolóxicos pode ter fins variados, dende o simple coleccionismo particular ata a venda lucrativa das pezas saqueadas.

Esa actitude delitiva provoca serios danos á arqueoloxía, cuxo fin e obxectivo último é a reconstrución do pasado por medio do descubrimento e do estudo dos vestixios que nos legaron xentes de sociedades xa desaparecidas. Malia que as pezas procedentes dos saqueos podan ser recuperadas para ingresalas nos museos, as actitudes dos furtivos provocan danos irreparables. A causa principal é que á diferenza das escavacións arqueolóxicas, que sempre perseguen relacionar os obxectos que se van exhumando cos contextos dos que forman parte inseparable, as que extraen os escarvadores clandestinos carecen de todo ese complexo sistema de relacións con outros elementos que existen no lugar, sexa este un poboado, unha sepultura ou outro xacemento. Mais, como poderiamos definir un contexto arqueolóxico para unha peza de calquera tipo ou tempo? Nós, os arqueólogos, denominamos “artefacto” a todas estas pezas, ás manufacturas ou creacións humanas de todas as épocas. Pois ben, cando atopamos un artefacto nunha escavación, sempre buscamos nel dous grupos de características, que chamamos “atributos”. Un deles ten que ver coas propiedades da peza en si. Son os “atributos específicos”. Poñamos como exemplo unha machada neolítica que desenterramos nunha escavación. Medímola e pesámola para coñecer, entre outras particularidades, as súas dimensións e masa. Deducimos a técnica de elaboración, que neste caso, soe ser un coidado puído para darlle a forma final, cun gume ben rematado para dotalo dun corte eficaz. Miramos o material con que foi elaborada a ferramenta que, pola súa dureza e resistencia, adoitan ser de rochas básicas, como gabro, serpentina ou anfibolita. Tamén se ese material está dispoñible cerca do xacemento ou tiveron que traelo de lonxe, que comerciar con el. Toda a información que proporcionan os atributos específicos, sempre estará dispoñible se podemos analizar a peza, aínda que fora extraída por un furtivo. Pero hai outra que se perdeu para sempre. Incluso se coñecemos o xacemento que saquearon, hai datos que xa nunca recuperaremos: o sitio exacto no que foi extraído (unha cabana, un enterramento ou un espazo aberto); o estrato ou nivel arqueolóxico do que procede; se apareceu só ou con outros artefactos; se xunto a el existían elementos que permitiran datalo por carbono 14, como anacos de carbón ou outros elementos orgánicos.

Estes son os grupos de información que extrae un arqueólogo das pezas, dos artefactos: a suma dos seus atributos específicos e contextuais. Xuntos forman o valioso contexto para deducir unha información completa e eficaz. Cando os recuperamos sen técnica arqueolóxica, de forma furtiva, a información quedará mutilada para sempre.

Te puede interesar