UNIVERSIDAD

¿Cómo gañar un partido que vas perdendo? A clave, nun estudo con acento ourensán

futbn_result
photo_camera Alexis Cabo e Ezequiel Rey, dous dos autores do artigo.

O estudo foi publicado no International Journal of Performance and Analysis in Sport

Máis aló do nivel do rival ou do feito de xogar en casa ou fóra, o marcador amósase como a variable máis determinante á hora de realizar ou non unha substitución nun partido de fútbol. Cando menos iso é o que puideron constatar os profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey e Joaquín Lago, xunto co estudante de doutoramento Alexis Cabo, despois de analizar os 677 cambios realizados na Liga de Campións nos 124 encontros disputados ao longo da tempada 2013/2014. Os resultados da súa análise, que veñen de ser publicados na revista International Journal of Performance and Analysis in Sport, amosan que a probabilidade de reverter un marcador adverso ascende ao 43% cando o primeiro dos cambios se realiza antes do minuto 53.

“Que ir gañando, perdendo ou empatando marca o primeiro cambio é algo que se intuía a nivel práctico”, recoñece Rey a raíz dos resultados dun estudo no que trataron de observar a incidencia de diferentes variables situacionais, como a localización do partido, o marcador ou o nivel do opoñente, nas substitucións realizadas polos técnicos nesta competición europea.

E os resultados permitíronlles constatar que “os adestradores cando van perdendo, son máis impacientes e realizan os cambios antes”, cunha diferencia media de 7 minutos á hora de facer a primeira substitución con respecto a aqueles partidos nos que o marcador lles é favorable, tendencia que “se ve reflectida tamén nos sucesivos cambios mentres se mantén o marcador”, como apunta Rey.

Pola contra, outras variables, como o feito de xogar na casa ou fóra, non implican variacións nese xeito de proceder, algo que este investigador do grupo Remoss recoñece “que foi algo que nos sorprendeu, xa é unha variable que explica moitos comportamentos no fútbol e críamos que, ante a súa afección, un adestrador se apresuraría máis a realizar os sucesivos cambios, pero isto non ocorreu”.

Do mesmo xeito, os investigadores tampouco atoparon variacións no xeito de proceder na fase de grupos con respecto ás eliminatorias de oitavos, cuartos de final ou semifinais, nas que se xogan partidos de ida e de volta. “Nós non podemos saber que é o que o que pensa o adestrador cando fai o cambio, pero si vemos que no equipo sucede algo que fai que a probabilidade de reverter un escenario en contra aumente”, engade este profesor, que conclúe desta análise que “o marcador é a variable que mellor explica o momento no que un xogador entra no campo”.

Te puede interesar