Entrevista

Gonzalo Faílde, a voz ourensá da canción de "As bolas máxicas": "Non éramos conscientes da súa importancia"

bolas maxicas gonzalo failde
photo_camera Gonzalo Faílde foi a voz masculina da sintonía de "As bolas máxicas".
Trinta anos despois, o actor é a voz habitual no audiovisual galego, e lembra aquela época con nostalxia e un punto reivindicativo

“Temos que buscar / a Bola do Dragón! É un gran misterio / e unha conmoción!”. Toda unha xeración terá lida a anterior frase cantando, rememorando -talvez- tardes de bocadillo de  Nocilla e televisión ao chegar de clase. Estes dias, os debuxos animados do Canal Xabarín volveron a actualidade, despois de que o Parlamento aprobase, por unanimidade, unha proposta da Mesa pola Normalización Lingüística para crear unha nova canle con programación infantil e xuvenil en galego.

A principios dos 90, popularizáronse nesta canle pública series como “Doraemon”, “ Shin Chan” ou -claro- “ As bólas  máxicas”, que contaba entre os seus dobradores co ourensán Gonzalo Faílde, a voz que canta a sintonía. Trinta anos despois, Faílde é a voz habitual en galego de actores como Javier Bardem ou Liam Neeson, e lembra aquela época con nostalxia e un punto reivindicativo.

A súa voz na música de “As bólas máxicas” marcou a moitos nenos.

Iso dinme... pero gravala foi horrible! (ri) Eu tiña algún papel secundario na serie, e o director de dobraxe preguntoume se cantaba, que había que facer a sintonía. No estudo, puxéronme a versión en catalán e dixen: “Non chego a eses agudos!”. Pero gravouse, marchei e, para a miña sorpresa, emitiuse. Non sabes o mal que o paso cando a escoito, aínda que me digan que foi algo moi importante!


Os actores daquelas series erades conscientes de como difundiades a lingua?

Sempre se recoñeceu que os debuxos animados fixeron máis polo galego que todas as campañas de promoción, pero nós non eramos conscientes. Si criamos no que estabamos a facer, como labor de normativización, pero non imaxinabamos a importancia que ía ter nesa xeración e no uso do idioma.

Se votou recuperar a canle, que lle parece a noticia?

Fabulosa, e pode axudar cunha situación moi precaria para o sector da dobraxe en Galicia. No meu caso, cando empecei, a finais dos 80, o 90% do traballo de dobraxe era en galego; hoxe apenas chega ao 10%. Cos orzamentos actuais da Xunta non se pode manter ao noso colectivo na nosa lingua, así que a noticia e -neste sentido- excepcional.

Que máis falta para consolidar a dobraxe en galego?

Faltaría que os políticos loitasen por incluír a dobraxe en galego como unha opción máis nas plataformas máis populares, como  Netflix ou  HBO. Ao final, os nenos e os mozos non teñen prexuízos coa lingua: se lles ofrecen producións en galego que lles gustan, veranas; é o que pasou co Xabarín.

Mirando en perspectiva, de que traballo está máis orgulloso?

Uf… En dobraxe, todo traballo que fago trátoo con respecto, é difícil escoller… Fora da dobraxe, estou moi orgulloso da miña participación en “Supermartes”, un programa que foi moi ourensán, con Xosé Manuel Piñeiro, con  Nelly Fernández… Tivo moita audiencia e moito peso. 

Segue aprendendo cousas novas?

Cada día! Creo que é fundamental ter a ilusión de aprender cada día. Eu fago cursos de interpretación e aplico cousas ao meu traballo, ves tantas cousas que non sabes...

Te puede interesar