O Grupo Academia Postal sensibilizará aos inmigrantes sobre a violencia de xénero

A Asociación de Centros Homologados, entidade constituida en 1995 para a promoción da calidade na formación na que están integrados os principais centros de Grupo Academia Postal, será a encargada de poñer en práctica o programa de sensibilización no ámbito da violencia de xénero ‘Galicia acolle en igualdade 2009’, dirixido á poboación inmigrante residente en Galicia e impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración.
O obxectivo do proxecto é conseguir que aquela cidadanía que forma parte da comunidade inmigrante dispoña dos recursos sociais e a información necesaria para actuar fronte a un caso de violencia de xénero, sexan vítimas ou testemuñas do mesmo. Ao mesmo tempo, a través de xornadas de formación, daráselles a coñecer ás persoas participantes a lexislación vixente así como os lugares aos que hai que acudir tras coñecer un caso de violencia contra a muller.

Módulos formativos A Asociación de Centros Homologados, a través dun convenio firmado coa Xunta, encargarase de deseñar e impartir módulos formativos en distintas localidades galegas como A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Pontevedra, Vigo, Mos, Marín, Ourense, Xinzo de Limia e Verín.

As xornadas terán o formato de obradoiros, cunha duración de catro horas e están pensadas para grupos de entre 15 e 20 persoas. Ademais, está prevista a elaboración de material informativo, como guías de recursos ou folletos divulgativos, que se editarán en galego, castelán, francés, árabe e romanés.

As actividades desenvolveranse ata o 18 de decembro e rematarán coa celebración dunha xornada final sobre mulleres e inmigración na que se abordarán, entre outras, cuestións relativas á violencia de xénero.


Te puede interesar