Art et Alia

Hai onironautas na Galería Visol e abeirados no Marcos Valcárcel

Pormenor de Abeirados.
photo_camera Pormenor de Abeirados.

Mulleres novas, de abondosas cabeleiras loiras en bucles, nos cadros da Galería Visol, semellantes á que loce como sinal identitaria a súa autora, a pintora extremeña Ana Hernández San Pedro. A mostra ven de Lleida, e a artista está a piques de expoñer en Cantabria outra, Érase una vez, baseada no mundo dos contos, caso do sombrereiro tolo de Lewis Carroll, en Ourense en crave feminina. Esta é unha das súas teimas, pois os seus protagonistas adoitan seren mulleres. A inspiración xurde de iconas sobranceiras da historia da arte, que revisita para nós, como en El jardín de mis delicias, cun home disfrazado de muller cal Hércules ante Onfalia, con acaído sombreiro, bubelas, vestindo escenas do Bosco do Xardín das Delicias; liña expresiva da pintora extremeña na que insiste con Fragonard. Son obras da idade Moderna e do Antigo Réxime máis tamén os artistas románticos, con Dalí e de Chirico, pasando por Magritte, claro, deixan a súa pegada, e logo está o seu da minuciosidade no atrezzo e na ornamentación. Noutras obras, Pronto?, Eva e mazá ou Ars amandi, título tirado de Ovidio, de alusións sensuais. Da súa estadía formativa na Italia litoral xurde, transversal, a liña da auga en Aeronauta con paisaxes costeiros, Oceánica, a gran Kailani e tamén Specchio specchietto co brazo en déshabillé e unha bonequiña mirándose nun espelliño... Velaquí as Onironautas coas que recunca presenza esta artista que amosou as súas obras en Italia, onde se formou, Portugal e Francia.

Os abeirados no Valcárcel

Humildes ou monumentais, áchanse nos recantos das estradas como testemuñas íntimas dunha crónica de sucesos, drama da perda en accidentes de tráfico, máis tamén asasinatos e suicidios, con frores moitas veces, nos lugares dos feitos a modo de lembranza de deudos. Xosé Manoel Rodríguez (O Carballiño, 1961) tenta un foto-ensaio antropolóxico dende a súa curiosidade con estes altarciños de memoria, memento mori de feitos lutuosos, persoais ou colectivos. Documento e testemuña, a mostra é unha escolla de fotos do seu arquivo, proxecto no que traballa dende 2011 nas súas viaxes por Ourense e Galicia toda, que dende a súa pescuda fanse historia e intrahistoria entrecruzadas. Dende o Roncudo á illa de Ons, o Grove, Baiona, Peares e o monolito monumental ás vítimas dunha catástrofe en 1902. Polo catálogo, sabemos que para a selección de imaxes e o proxecto expositivo colaboraron Xosé Enrique Acuña e Xulio Gil. Unha exposición que “quere ser un percorrido por esa loita contra o esquecemento”, segundo as palabras deste autor que ten biografía dabondo como animador cultural da súa vila natal, nas Xociviga e o Cine Club, e pertence ás fundacións Antón Diéguez Losada e Carlos Velo, que organiza nesta casa o Ouff, Ourense Film Festival, dende fai uns anos cada setembro. Teño presente dende neno un fermoso relevo con retrato esculpido sobre un libro aberto nunha curva da estrada de Cea a Oseira, monumento que lle dedicaron uns amigos a Daniel Rodríguez Rubín, inspector de ensino que morreu aquí o 7 de agosto de 1928, como me lembra o amigo Evaristo Rodríguez de Cea, que ten memoria de seu da terra. Eis a Galiza inzada de fitos de memoria. Así na sala 0 do Centro Cultural da Deputación convertida en columbario de luces fotográficas.

Te puede interesar