A historia de Ourense e a arqueoloxía

Descubrimento da piscina romana durante as escavacións nas Burgas.
photo_camera Descubrimento da piscina romana durante as escavacións nas Burgas.


Como ben saben, a arqueoloxía é unha disciplina científica que estuda o pasado humano por medio dos vestixios materiais que se conservaron, permitindo a súa análise e interpretación. Tal particularidade propicia o acceso a datos sobre sociedades desaparecidas, tanto das que non coñecían a escritura, caso das prehistóricas, como naquelas circunstancias nas que non se preservaron testemuñas escritas. Aínda diría máis. Independentemente da existencia de textos antigos que puideron chegar ata nós, moitas pezas arqueolóxicas que conteñen información escrita atopámolos durante as escavacións e as prospeccións. É o caso das moedas, das aras -altares- ou dos miliarios, por citar tan só algúns das que estuda a numismática e a epigrafía.. 

Tal información procedente da arqueoloxía é esencial para a nosa cidade, da que non temos documentos escritos ata os inicios da Idade Media. E estes tan só son meras e imprecisas  referencias. A primeira alusión certeira atopámola, avanzado o século VI d. C., no “Parrochiale suevum” -Parroquial Suevo-, tamén coñecido como “Divisio Theodomiri”, documento da segunda metade da mesma centuria. Trata sobre a organización administrativa eclesiástica do reino suevo. É unha referencia moi sucinta, que só fala dos bispos que acoden ao terceiro Concilio de Braga, no ano 572, así como aos posteriores de Toledo. Naquel se citan os bispos “aurienses”, radicados na nosa cidade, xunto coas parroquias que pertencían á diocese ourensá. Máis antiga, e ao tempo imprecisa, é a inscrición “AVR.” que aparece recollida na “Tabula Imperii Romani”, proxecto internacional de investigación para crear un mapa arqueolóxico do imperio. En todo caso, nin unha nin outra son quen de achegarnos á antigüidade, á forma e extensión da cidade de Ourense nos seus inicios. Para iso debemos tirar dos datos que proporcionan -e están a proporcionar- as intervencións arqueolóxicas urbanas. E estas multiplicáronse exponencialmente cando, no ano 1997, entrou en vigor a normativa de protección da cidade antiga, o coñecido Plan especial de reforma interior do núcleo histórico de Ourense -popularmente coñecido como o PERI-, que non esqueceu a protección e xestión arqueolóxica da cidade. Dende entón efectuáronse unhas trescentas intervencións arqueolóxicas, gran parte delas sufragadas por promotores particulares durante a reforma ou a construción de edificios. Abre unha etapa na que numerosos arqueólogos, moitos particulares e xestionados dende o gabinete municipal de arqueoloxía e do da Xunta de Galicia, achegan un enorme caudal de datos que nos permiten aproximarnos a cuestións que antes estaban pouco definidas, como a extensión da cidade romana ou o momento do seu nacemento. Mesmo vamos concretando as causas polas se orixinou.  

Con esta nova etapa comezamos a comprobar, matizar, incluso a reformular, teorías precedentes de excelentes investigadores que trataron tal asunto, especialmente Florentino Cuevillas e Xesús Ferro Couselo. Noutros traballos expuxen como as escavacións arqueolóxicas dos últimos anos foron sacando á luz antigas edificacións romanas, tanto domésticas como termais, ambas de diversa índole, altares que nos falan dos primeiros habitantes, con diferentes categorías sociais, deuses arcaicos e cultos hoxe esquecidos, moedas que proporcionan datos cronolóxicos moi valiosos, numerosos obxectos que nos achegan ás formas de vida dos antigos ourensáns. Polo momento, toda a historia da cidade de Ourense na Idade Antiga, que coincide co nacemento, desenvolvemento e modos de vida durante a etapa romana debémoslla, case en exclusiva, á arqueoloxía.

Te puede interesar