CASTRO CALDELAS

Homenaxe en Castro Caldelas á primeira sentenza en lingua galega

Ao maxistrado caldelao Claudio Movilla Álvarez, que asinou a primeira sentenza en galego da historia, da que o vindeiro luns 23 de marzo cúmprense 30 anos.

O vindeiro 11 de abril celebrarase na localidade de Castro Caldelas unha homenaxe ao maxistrado caldelao Claudio Movilla Álvarez, que asinou a primeira sentenza en galego da historia, da que o vindeiro luns 23 de marzo cúmprense 30 anos.

Aínda que, segundo sinala a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, "aínda se está perfilando o programa xunto coa familia de Movilla e a Irmandade Xurídica Galega, está previsto que ás 12,30 horas se descubra unha placa na casa natal do maxistrado, onde viven a súa irmá e as súas sobriñas. Media hora máis tarde, ás 13,00 horas, no salón nobre do Castelo, darase paso á firma dunha declaración de varios alcaldes, comprometéndose coa utilización da lingua galega, tanto a nivel xurídico como administrativo.

A rexidora do municipio lembra que Castro Caldelas foi pioneira no uso do galego, xa que o foro do burgo de Caldelas, outorgado por Alfonso IX de León, asinouse no ano 1228 nesta lingua.

Por outra banda, Sara Inés Vega engade que outro maxistrado caldelao, Orencio Pérez, foi tamén o primeiro en celebrar un xuízo en lingua galega, na Audiencia de Vigo.

Raíces da lingua

De feito, a alcaldesa de Castro Caldelas quere aclarar que esta celebración non se circunscribe a "unha homenaxe a Movilla Álvarez", xa que o título da xornada é "As raíces da lingua", en alusión a eses fitos históricos que unen estreitamente o nacemento do uso público da lingua galega e este concello ourensán.

Te puede interesar