O guión da película xa está en marcha e a rodaxe podería comezar en novembro de 2011

Ignacio Vilar levará ao cine 'A Esmorga' de Blanco Amor

Alá polo ano 1977, cando Carlos Velo chegou a Cidade das Burgas, un grupo de mozos ourensáns hipotecábase para conseguir as 20.000 pesetas (120 euros) que cada un puxo para crear Nos Cinematográfica. O obxectivo co que nacía aquela primeira produtora era levar ao cine 'A Esmorga', e Eloy Lozano sería o encargado de dirixila.
Naquel momento Blanco Amor cedeu á oferta económica de Gonzalo Suárez e vendeulle a el os dereitos da obra, que adaptou baixo o título 'La Parranda', e que pouco ou nada conservou do ourensanismo co que foi creada.

O ano pasado, a directora de Sarabela, Ánxeles Cuña, convidaba persoalmente a Ignacio Vilar á representación da obra no Auditorio, e no director afloraba a idea, recuperar a novela de Blanco Amor para adaptala aos tempos de hoxe porque, tal como dicía esta mañá durante a presentación ,'creo que é unha obra que aínda pode chegar á xente nova, aínda ten moito que dicir'.


O PROXECTO

A Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, actual depositaria da obra do escritor ourensán, e un daqueles xóvenes de Nos Cinematográfica, o proxecto de Vilar vaille dar a oprtunidade de arrincar aquela espiña: 'A intención é a de contar hoxe A Esmorga pero sen facer arqueoloxía literaria, e contalo dende Galicia e con medios galegos, dende nos para o mundo e despois xa se incorporará quen se teña que incorporar'.

De momento o proxecto conta xa co apoio da Xunta que colabora economicamente na elaboración do guión no que están a traballar conxuntamente Vilar e o escritor ourensán Bieto Iglesias. Concello e Deputación comprometían tamén o seu apoio, non podía ser doutro xeito se temos en conta que Ourense será a protagonista do filme.

'A Esmorga' ten todas as cartas para ser un triunfo para o audiovisual e tamén un triunfo para a cidade.

Os actores serán galegos, e na mente de Vilar xa están os nomes aínda que como a rodaxe posiblemente non empece ata novembro de 2011, non quixo desvelalos.

A película vaise rodar en galego, o que non impedirá que se mova no mercado internacional, e o orzamento ronda os dous millóns de euros.

De momento, Blanco Amor e o seu texto acadaron xa o que se pode considerar o primeiro éxito, conseguir que as tres forzas políticas, PSOE, PP e BNG deixen a un lado cores e ideoloxías para abrazar un mesmo proxecto bandeira.

Te puede interesar