In memoriam das mulleres mortas

Voluntarias marcan unha silueta en homenaxe a unha vítima. (Foto: Martiño Pinal)
Ourense acolleu onte numerosos actos en conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Varios colectivos, organizacións culturais, veciñais e integrantes do movemento feminista da cidade -como Acción Feminista de Anova, Foro Feminista Falando Nós, A Bela Auria, Stega e Anacos da Cidade, entre outros- participaron nunha marcha dende o Parque de San Lázaro ata a Praza do Ferro.
O acto estivo liderado por una pancarta na que recordaban ás 74 mulleres que foron vítimas da violencia de xénero (oficialmente recoñécense 43).
Durante o percorrido da procesión, fixéronse varias paradas fronte ós establecementos que, segundo denunciaban, participan na violencia de xénero económica ou relixiosa, pegando carteis con consignas como 'os xoguetes sexistas son violencia machista', 'as túas tallas oprimen' ou 'o capitalismo e o patriarcado son violencia de Estado'. En cada un deses altos, unha voluntaria tirábase ó chan, de forma simbólica, para debuxar unha silueta na memoriaw de cada unha das vítimas da violencia de xénero.
Por outra banda, na rúa do Paseo ó carón da escultura da Leiteira, o PP organizou o seu particular homenaxe ás mulleres que sufriron a violencia machista na provincia ourensá e, en concreto, na memoria da moza de Toén Laura Alonso, asasinada en 2009 polo rapaz que había sido a seu noivo. O acto -amenizado por dous gaiteiros- acolleu a lectura dunha carta escrita pola nai -que estaba presente xunto ó pai-, na que facía balance, despois de tres anos, da súa ausencia. O portavoz popular no Concello de Ourense, Rosendo Fernández, destacou que este é un día que 'oxalá que chegue un momento que non haxa nada que conmemorar'.
Ademais, a praza Maior de Celanova acolleu unha concentración convocada polo BNG das comarcas de Celanova e a Limia polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O acto, organizado a través das redes sociais, contou con simpatizantes nacionalistas e tamén veciños en xeral, que quixeron expresar o seu rexeitamento á lacra que representa a violencia de xénero na sociedade.

Andaina reivindicativa
En Piñor de Cea, un centenar de persoas participaron na andaina organizada polo PSdeG nesta localidade, 'pioneira en políticas de igualdade no rural', segundo a diputada socialista no Congreso Laura Seara, quen ademais criticou os recortes do PP nos presupostos contra a violencia machista e a desaparición de campañas de sensibilización e prevención.
Seara acusou ós gobernos de Mariano Rajoy e de Alberto Núñez Feijóo de 'levantar o pé do acelerador' na loita contra esta lacra e alertou de que se están 'recortando fondos transferidos ás comunidades e ós concellos para a atención integral á vítimas e ós seus fillos'.

Te puede interesar