Ángeles Vázquez: "É indispensable que o Concello solicite un Área Rexurbe no Casco Histórico"

Entrevista en profundidade coa Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ángeles Vázquez acudiu onte a Ourense e fixo un repaso das actuacións da súa Consellería, ademais de presentar proxectos para o futuro.

Cal é o próximo paso na reciclaxe?

Somos das poucas comunidades que segue medrando na taxa de reciclaxe, cando outras xa se estancaron. Temos que seguir avanzando e, de cara a 2023, implantaremos o quinto contedor, o marrón. Temos que concienciar a todos os ourensáns que os restos de comida -biorresiudos- teñen que ir nese contedor e, naquelas poboacións máis rurais, ter composteiros individuais nas hortas que xeren abono para poder seguir producindo as nosas leitugas, pementos ou cebolas.

Aínda que custou, agora vense moitos composteiros, mesmo pola periferia da cidade.

Efectivamente. Os concellos, as asociacións, e, concretamente en Ourense, a Deputación están facendo un traballo moi importante con campañas informativas. Comezamos estas charlas polas escolas, aproveitando esta volta á normalidade, e incrementamos a actividade. Son os máis cativos os verdadeiros mestres, que nos ensinan que reciclar é vida.

Estamos moi preto da Tecnópole. Que plans hai previstos para a súa ampliación?

Estamos nunha zona neurálxica para o desenvolvemento do solo empresarial debido á alta demanda. Estamos ultimando os trámites administrativos do plan sectorial e, no momento que estea preparado, disporemos de 400.000 metros cadrados para vender. Faremos a adxudicación este ano e, posteriormente, sacaremos á venda esas parcelas á par que se vai urbanizando. Pero non só iso, tamén dentro do Plan Sectorial de Áreas Empresariais, ampliaremos en máis de 200.000 o parque de Pereiro de Aguiar, onde case non quedan parcelas e, tanto empresarios como alcaldes reclaman esta medida. Tamén no caso de Paderne, onde estamos a redactar un plan para que Ourense dispoña dun millón de metros cadrados de solo empresarial.

Tamén vén de aprobarse recentemente no Consello da Xunta unha importante suma para adquirir vivenda para rehabilitar no Casco Vello.

O programa Rexurbe é altamente exitoso. Consiste en mercar vivenda nos cascos históricos para rehabilitación e sacala a concurso en alugueiro a un prezo moi razoable para aqueles mozos que queren emanciparse. Este ano vanse investir dous millóns de euros neste programa, dos que 400.000 recaerán en Ourense. Ademais, en edicións anteriores mercamos 7 edificios, dos que xa hai dous rehabilitados e outros dous licitados. Nestas rehabilitacións invertiranse preto de 2,4 millóns de euros. Ogallá que o Concello solicite un área Rexurbe porque sería moi beneficioso, xa que poderíamos facer estudos de baixos comerciais, accesibilidade, etc.

Para beneficiarse deste programa, é preciso que o Concello solicite un área Rexurbe?

Iso é competencia súa. Agora podemos adquirir, pero non ir máis aló. A Coruña, Ferrol, Tui ou Ribadavia xa o pediron e Ourense debería solicitalo. Temos outras liñas de axudas para adquirir vivendas nos cascos históricos, pero co plan Rexurbe poderíamos dar ata 15.000 euros se o Concello a solicitara. Se ben é certo que os menores de 35 anos poden solicitar axudas, aínda que só chegarían ata os 12.800 euros por non ter dita zona. No caso dos maiores de 35, o máximo chegaría aos 10.000 euros.

Ademais da compra e da rehabilitación, tamén hai axudas para temas de eficiencia enerxética. Teñen moita demanda?

Estamos recibindo moitas propostas. Quero facer un chamamento para que a xente acuda ás oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo porque é compatible mercar unha vivenda no casco histórico coa súa rehabilitación. E unha rehabilitación máis alá de que a fachada sexa fermosa, tamén en temas de eficiencia enerxética. Neste senso, temos varias convocatorias abertas: unha adícase ao cambio de ventanais, que ten unha gran demanda e á que destinamos 13 millóns de euros. Non precisa licenza municipal e só se precisa garantir un 7% de aforro enerxético. Se isto se cumpre, danse 3.000 euros de subvención. Tamén están as ARIs (Áreas de Rehabilitación Integral) que chegan ata os 25.000 euros e, coma o seu nome indica, trátase de reformas estruturais. Ademais, vai saír unha nova liña, este mes de abril, para axudas a edificios, dirixidas á eficiencia enerxética e actuacións como cambios de cuberta, calefacción ou luminarias. Tamén é preciso xustificar unha eficiencia mínima dun 30%, aínda que canta máis eficiencia se logre, maior é o importe. 

A Consellería tamén desenvolveu proxectos pioneiros como o de Cenlle.

 Son seis vivendas, xa entregadas a parellas mozas que queren emprender ou da zona que querían emanciparse. Son sostibles casi ao 100%, distintas e modulares. Agora temos en marcha outro proxecto piloto doutras seis vivendas de madeira, para poñer en valor este material. Construiranse tres en Oímbra e tres en Pontedeva.

Outro proxecto: Mil Ríos.

É moi ambicioso. Imos investir 5 millóns de euros de fondos europeos. Cremos que o mellor lugar para esta inversión son os nosos ríos. En Ourense hai 4 ríos principais onde faremos as primeiras inversións, afectando a 40 quilómetros e máis de 400 hectáreas. Tamén queremos eliminar especies invasoras como a acacia e a mimosa, así coma todos aqueles atrancos que teñen os ríos. As troitas e os salmóns teñen problemas para facer remontes nas presas e tamén queremos axudarlles. As primeiras actuacións serán en catro ríos: o Caldo entre eles. A seguinte será para afluentes máis pequenos pero tamén importantes. Temos a obriga de coidar os nosos ríos.

Te puede interesar