ENTREVISTA

Cristina Pato: “Intento que nos EEUU vexan que en Galicia temos unha cultura diferente”

photo_camera Cristina Pato, de pé, tocando a gaita, na sea actuación con Filarmónica de Nova York.

Cristina Pato é a pequena de catro irmáns. Ainda hoxe cada vez que fala da nenez agradece a súa nai por lle permitir e animar a seguir co seu soño de tocar a gaita.

Cristina Pato é a pequena de catro irmáns. Ainda hoxe cada vez que fala da nenez agradece a súa nai por lle permitir e animar a seguir co seu soño de tocar a gaita. “Tolemia” no 1999 deulle a fama e o recoñecemento con tan só 18 anos pero ela necesitaba máis retos. No 2004 saíu da “zona de confort” na que moitos quedarían para sempre para empezar de cero na cidade máis competitiva do mundo: Nova York. “Aquí non importa quen es, ou o fillo de quen es”, di Cristina, “tes que estar ao ritmo da cidade” se non xa se encarga ela de botarte. E é moi certo.

A Cristina non a botou Nova York, moi ao contrario, rendiu ó seu talento ao Avery Fisher Hall do Lincoln Center, ou o que é o mesmo: o templo da música clásica dos Estados Unidos. Tres días seguidos de concertos e todo vendido ante un público que recoñeceu o poder da galega xa coas primeiras notas. A ourensá é coma a cidade, non para, e en maio vai sacar o seu seguinte traballo, “Latina”.

Como foi a experiencia de tocar coa Filarmónica de Nova York no Lincoln Center?

Un soño feito realidade. Levo xa case dez anos vivindo nos Estados Unidos e ver o interese de grandes orquestras coma a NY Philharmonic por estes instrumentos tan peculiares como é a gaita galega era ata hai pouco impensable.

Qué sentiu ao comezar a Fanfarria desde o corredor do Lincoln Center?

Son moitas cousas á vez. O feito de estar tocando catro instrumentos desde catro puntos tan distantes (dous no corredor no medio do teatro e dous dando a réplica no escenario) fai que teñas que estar superconcentrado para escoitar a trompeta e o trombón que están arriba. Logo tes que intentar olvidar onde estás porque, a pesar de estar afeita, os nervos coma a todo o mundo tamén te poden xogar malas pasadas. Despois, unha vez que subes ao escenario, te pos a tocar e ves que toda a orquestra está detrás de ti respaldando o teu sonido… iso para min é unha sensación única. Significa ter o instrumento do pobo galego no mellor escenario do mundo da música clásica -e sobre todo o dos cartos, que é Nova York-. É romper unha barreira máis. Quizais é do que máis orgullosa me sinto: axudar a colocar un instrumento como gaita galega dentro da música clásica.

Cómo chegou a sacarlle ese sonido á gaita que pouco ou nada ten que ver co sonido estándar que coñecemos no folclore galego?

É unha suma de factores. Eu sempre intentei falar coa gaita a linguaxe musical que estaba a descubrir nese momento. Se aos 18 anos era o pop e o rock, pois de aí saíu “Tolemia” e aquela Cristina Pato. Cos anos vou descubrindo linguaxes novas e misturando a gaita con todas elas pero sempre usando a gaita tradicional. Non cambia nunca o instrumento se non o xeito de tocalo.

Por qué veu a NY cando xa estaba consagrada en España, por qué correr ese risco?

Eu viñen antes de que empezara esta crise que ainda sufrimos agora. Quería facer o doutoramento que non puidera facer cando saquei “Tolemia” e retomar os soños da infancia. Desde pequena quería marchar aos Estados Unidos, no 2004 vin unha oportunidade e decidín collela.

Qué papel xoga Oswaldo Golijov na súa carreira?

No meu primeiro ano de doutoramento Oswaldo Golijov impartiu unha masterclass na miña universidade e eu era a pianista acompañante. Gracias a el vin as posibilidades da gaita dentro do mundo da música clásica e agora son capaz de conectar as miñas dúas personalidades. Tamén por el coñecín a Yo Yo Ma e ao Silk Road Ensemble. Atopar este grupo para min foi como cando estás toda a vida pensando que estás soa, que es un bicho raro e que ninguén te entende… pois por fin atopei unha familia de bichos raros na que todos nos sentimos relativamente cómodos falando diferentes linguaxes musicais.

Qué é que o que máis lle gusta da formar de traballar nos Estados Unidos con respecto a España e qué é o que menos?

Todo ten que ver co sistema, son diferentes. Non podemos olvidar que nos Estados Unidos non hai un Ministerio de Cultura polo que as artes se financian co público, con filántropos tamén, pero sobre todo coa audiencia que está preparada para entender cal é o valor das artes, e que saben tamén que se non as sosteñen eles non se van soster soas. Eso xa xera unhas espectativas. Se van pagar 150 dólares por un concerto, o nivel ten que estar acorde co prezo da entrada, e iso xa é un filtro natural. Da igual quen sexas ou fillo de quen sexas, se non fas algo bo é imposible que un artista sobreviva neste mercado. Para min eso é bo porque a miña personalidade necesita deste tipo de retos. E o malo, pois ven tamén por aquí. Aos artistas pequenos, independentes, tamén lles costa máis sair porque non hai axudas por proxectos orixinais como pode haber no noso país. Un término medio sería o ideal.

Este recoñecemento que ten nos Estados Unidos, podería telo en España de ter quedado?

Non o sei, e é imposible de saber, creo. O feito de ter que empezar de cero noutro país como persoa obrígache a mirar as cousas desde unha perspectiva diferente. Non sei se en España tería o mesmo número de oportunidades que estou a ter neste país ainda hoxe, pero o que si sei é que se non marchara, se non intentara buscar os fios para chegar onde eu quería, seguro que nunca tería chegado ata aquí. Iso sí, cando estou aquí penso no que me gusta o ritmo de vida en Ourense e cando estou en Ourense penso no que me gusta o ritmo de vida tolo de Nova York.

Cantas veces lle dixeron: onde está iso de Galicia?

(Risas) Eu toco o instrumento nacional de Galicia e se cheguei a onde cheguei é porque me adiquei a este instrumento, así que o nome de Galicia ten que estar unido sempre á miña profesión. Para min é importante diferenciar. Non é por unha cuestión politica, senon por unha cuestión de identidade cultural. Cando falas de España nos Estados Unidos aínda o tópico segue sendo o flamenco, a sevillana, a castañuela que é unha cultura preciosa pero á que eu non pertenzo. Para min o xeito máis doado de decir isto é nomear a Galicia, porque cando dis Galicia tes que continuar. Sempre xeras outra pregunta e logo outra e outra, e ao final da conversa saben onde está Galicia, saben que temos unha lingua propia e que vivimos de xeito diferente ao Sur, simplemente porque temos unha cultura e unha identidade diferente. En Estados Unidos, e especialmente en Nova York, ves como a cultura catalana fixo un traballo de campo realmente grandísimo para facer entender ao mundo que Cataluña é parte de España pero que a súa identidade cultural tamén é importante; pois dentro do que podo eu intento face-lo mesmo a través da gaita e axudalos a entender que España é un país como moitas culturas diferentes e Galicia é unha delas.


Non para e está a piques de sacar o seu novo disco…

Si, agora teño 8 concertos con Silk Road Ensemble. Logo marcho para Washington co meu cuarteto, e logo a Chicago para tocar coa Sinfónica. E en maio saco "Latina" o meu novo disco.

Te puede interesar