O profesor e escritor andaluz foi o encargado de encontrarse onte cos lectores e de pechar a xornada co seu relatorio

Juan Eslava atribúe o auxe da novela histórica á mellora do nivel cultural

Un momento do encontro con Juan Eslava. (Foto: Xesús Fariñas)
'A guerra do 36 na novela galega'. No momento en que a mesa redonda da xornada leva ese título, o conflicto bélico pasa a ser parte importante da actividade do terceiro día da Semana da Literatura Histórica Auria. A Guerra Civil entrou de cheo nas instalacións da iniciativa cultural da man de Carlos Mella, Carlos G. Reigosa, Francisco Xosé Fernández Naval e Xosé Ramón Pena, que expresaron as súas opinións sobre o xeito de tratala en literatura, moderados por Xosé A. Ponte Far.
Antes diso e ben entrada a mañá, un Juan Eslava Galán gratamente sorprendido por unha cidade 'sen demasiada fama turística' -'que, non obstante, ten cousas preciosas'- atendía ós medios de comunicación disposto a respostar profundamente a cantas preguntas lle foran formuladas. Se a súa primeira valoración foi para unha localidade que aínda non coñecía, a segunda foi para a iniciativa cultural que ocupa estes días os Xardíns do Posío. O autor de 'Rey lobo' calificou Auria como 'unha gran idea'.

Entrados en asunto, Eslava Galán, quen tamén brindou o relatorio que pechou a xornada, comezou a falar do tema que o trouxo a Ourense. 'Unha novela histórica ou é boa, ou é mala, como calquera outra novela'. Así comezaba, dando resposta ás vantaxes do xénero histórico por riba doutros, e continuaba asegurando que o auxe deste tipo de literatura nos últimos tempos débese a que 'a elevación cultural deulle ó gran público a oportunidade de acceder a ela'.

A pregunta que tocaba era, pois, a de se se pode chegar a comprender mellor a historia gracias á novela que, por exemplo, ós documentos. Eslava Galán deu nese momento a que podería ser a clave para comprender o porqué do que moitos consideran unha moda: 'Ás veces a xente recorre ás novelas para informarse sobre a historia porque moitos historiadores escriben para que os seus colegas vexan canto saben, e iso é inintelixible para o gran público'.

O escritor de Jaén falou tamén da Guerra Civil e do xeito sobre o que se escribe dela, do partidismo de xornalistas e historiadores, do 'mal uso' que os políticos fan da cultura das autonomías ou do 'ucrónico' dos sentimentos humanos.

A súa reunión coa prensa deu paso á firma de libros de Carlos G. Reigosa. O autor lucense tamén quixo reafirmar a calidade da iniciativa, posto que 'non deixa de ser interesante debatir o concepto de novela histórica, que é, probablemente, un dos máis conflictivos'.

Ás 17.00 horas, a carpa do Posío volvía abrir para o público. Nesta ocasión, os asistentes ó 'Encontro co autor' con Juan Eslava Galán eran os primeiros en facer cola ó sol. Algúns repetían, despois da satisfacción que lles tiña suposto compartir un café con Manuel Rivas. Nesta terceira xornada, o Centro Cultural acolleu o recital de poesía 'Palabra Viva', para dar paso á proxección do filme biográfico 'Mongol', do cineasta ruso Sergei Bodrov.

Te puede interesar