Leslie Howard, un actor da Idade de Ouro de Hollywood derribado polos nazis

O cineasta Marcos Nine afonda na vida deste intérprete británico no documental presentado este mércores no OUFF

A misteriosa morte de Leslie Howard, desaparecido á altura das costas galegas despois de que o avión no que viaxaba fose derribado polos nazis, aínda que a Alemaña hitleriana afirmou sempre que se tratou dun accidente alleo ás forzas aéreas xermanas, exerceu unha atracción suficiente sobre o cineasta arousano Marcos Nine como para afondar na vida do que fora unha destacada figura da época dourada de Hollywood, pero tamén un home comprometido na loita contra as políticas totalitarias e na defensa do seu país, a Gran Bretaña.

Nine tratou de reconstruír no documental a vida de Leslie a partir de documentación da época, que sacou de contexto para construír unha nova narración. Como curiosidade, o director apunta que “o protagonista está todo o tempo interpretando papeis que non teñen que ver coa súa vida”, senón que esas interpretacións son as que arriman ao actor á súa biografía. Neste senso, tamén resulta atípico que “facendo un documental, o 70 por cento da obra sexa contido de ficción. Sona raro”, dixo Nine.

A maior parte do material procede do arquivo do Congreso dos Estados Unidos e doutros documentos xa liberados de dereitos. A razón principal para esa achega norteamericana é “que o material é gratis, só se paga a xestión e a copia”, di Marcos Nine. “A viaxe de Leslie” estivo xa no Festival de Málaga e tamén na Seminci de Valladolid. Ademais, gañou o premio á mellor película en Estetino (capital da Pomerania Occidental, en Polonia) e acaba de estar en Lesbos (Grecia). A carreira exitosa do documental tradúcese na inminente estrea simultánea en tres salas comerciais galegas.

Te puede interesar