Seis expositores ofreceron descontos e agasallos coa compra de obras de autores galegos

Os libreiros potencian o mercado literario galego

A Agrupación de Libreiros de Ourense sacou onte á rúa unha mostra dos exemplares máis significativos da literatura galega, que se mesturou coas últimas novidades editoriais de Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz ou as múltiples antoloxías e biografías de Lois Pereiro, para conmemorar o Día das Letras Galegas.
A estratexia empregada polos libreiros para potenciar a lectura e o mercado dos escritores en lingua galega foi ofrecer descontos do 10% con cada compra, ademais de agasallar un libro coa reprodución dos relatos gañadores do Premio Ourense de Contos para a Mocidade 2010 e do Premio Eduardo Blanco Amor, correspondentes a Alba Cid e Andrés Ocampo, respectivamente.

A literatura infantil fíxose un oco destacado entre a media ducia de expositores que se colocaron na rúa do Paseo. 'Para fomentar o interese pola lectura dos máis pequenos hai que saber elixir o libro adecuado segundo o gusto de cada neno', indica Ramón Caro, da libraría Malleira, especializada en literatura infantil.

Os libros desplegables están a causar furor entre os pais porque permiten guiar a lectura. 'O que máis lles gusta é poder interactuar cos seus fillos, ademais este tipo de libros espertan os sentidos dos pequenos', engade Carro. A pesar dos novos soportes, os títulos clásicos, como 'Os Bolechas' ou 'O Principiño', seguen atopándose entre os máis vendidos.

Os poemarios de Lois Pereiro foron os protagonistas indiscutibles da feira. Malia que o autor monfortino homenaxeado nas Letras Galegas só publicou en vida dous poemarios ('Poemas 1981-1991' e 'Poesía última de amor e enfermidade') e unha novela curta ('Náufragos do paradiso'), as editoriais lanzaron numerosas reedicións da súa obra nos últimos meses, así como antoloxías, biografías e estudos literarios con motivo da efeméride. Unha necesaria e inxente produción que fai xustiza cun autor que até agora permanecera nun lugar case marxinal da literatura galega.

Te puede interesar