literatura

"O libro é a crónica dunha amizade con Ben-Cho-Shey"

Xosé Antonio Perozo, Manuel Baltar e Francisco López-Barxas, onte na presentación do libro (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera Xosé Antonio Perozo, Manuel Baltar e Francisco López-Barxas, este mércores na presentación do libro (MIGUEL ÁNGEL).
Francisco López-Barxas reivindica no seu novo proxecto a figura do intelectual ourensán

O novo traballo do escritor e xornalista Francisco López-Barxas céntrase na figura dun referente das letras galegas, o investigador ourensán Xosé Ramón Fernández-Oxea (1896-1988), máis coñecido como Ben-Cho-Shey. Este mércores, o Pazo Provincial acolleu a presentación de "Ben-Cho-Shey inéditos", obra na que López-Barxas mostra o lado máis persoal do ourensán. Xunto ao autor estiveron Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; e Xosé Antonio Perozo, editor da publicación.

"O libro é unha crónica dunha amizade persoal con Ben-Cho-Shey, na que pretendo achegarme ao home, escritor e ós seus amigos", afirmou o autor, Francisco López-Barxas. O escritor tivo por obxetivo mostrar as facetas máis persoais de Fernández-Oxea porque "sendo importante a súa obra, máis o é a súa vida". Na publicación recolle escritos non publicados, "as súas cartas mallorquinas e un epistolario inédito dos seus amigos como Otero Pedrayo ou Cuevillas". López-Barxas aproveitou para facer un chamamento: "En 1986 déronlle a medalla Castelao, pasaron 33 anos e a RAG aínda non se acordou del nas Letras Galegas e todavía teñen tempo para o 2021".

Manuel Baltar quixo resaltar a importancia de Fernández-Oxea para Galicia. "Estamos falando dun dos grandes, vencellado á provincia", apuntou o presidente provincial. Nun recorrido pola súa bibliografía, Baltar destacou unha obra, a adicada á parroquia de Santa Marta de Moreiras: "É un dos exemplos máis importantes do achegamento á realidade do mundo rural".

En relación á obra que presentaban, Baltar apuntou: "López-Barxas fai con este libro unha gran homenaxe ao autor e a Ourense". Por outra banda, Perozo declarouse admirador da obra de Fernández-Oxea e explicou as dificultades comerciais que se toparon para publicar. "A pesar de todo, tomamos a decisión de facelo, por amor á cultura, á literatura e a un personaxe que hai que homenaxear, porque está inxustamente esquecido". O editor confirmou que a publicación "Ben-Cho-Shey inéditos" estará dispoñible nas bibliotecas dos centros públicos da ESO na provincia.


"Non é recoñecido na súa magnitude"


Francisco López-Barxas foi veciño durante 17 anos de Fernández-Oxea, nos últimos que o autor viviu en Madrid. "Ao longo dese tempo aprendín da humildade e da xenerosidade que él tiña", apunta o escritor de "Ben-Cho-Shey inéditos".  Tamén recordou todos os esforzos que fixo dende a emigración por Galicia: "Puxo en contacto aos intelectuais galegos co resto do mundo, por exemplo cun programa da BBC de Londres". Esta publicación é moi importante para López-Barxas, xa que a considera como "unha débeda" que tiña con Ben-Cho-Shey. "Eu debía contar, para amosar a súa figura esquecida, non recoñecida na súa amplitude, 

"Un Ben-Cho-Shey inédito", explicou o autor. Repasando a súa obra, que calificou como "moi variada" e recoñeceu o seu valor dentro da etnografía co libro "Santa Marta de Moreiras".

Te puede interesar