Diarios do pasado

Localizar coas coordenadas UTM

Coordenadas UTM do ciborio da catedral.
photo_camera Coordenadas UTM do ciborio da catedral.

Sempre que investigamos na historia, é imprescindible comprender os feitos dende dúas aproximacións: a temporal e a espacial. Tan importante é saber cando ocorreu algo, como o lugar onde foi: a fundación dunha cidade, a edificación dun castelo, ou a construción dun dolmen. Cando era profesor de Prehistoria na Universidade de Vigo, transmitíalle aos alumnos que, aínda que pareza un razoamento máis que sabido, debiamos de ter en conta que no mesmo lugar pasan cousas distintas en momentos diferentes, como tamén ocorren cousas semellantes en lugares distintos. Por iso son sempre esenciais as dúas coordenadas -”Espazo” e “Tempo”- antes de comezar a investigar un feito en todas as súas dimensións.

Para afinar no tempo, na cronoloxía, existen técnicas de datación, que nos din o momento concreto en que algo aconteceu -datación absoluta-, ou se foi antes ou despois doutro suceso -datación relativa-, asuntos non que non entraremos agora. Hoxe veremos a forma máis habitual de localizar os xacementos arqueolóxicos no espazo xeográfico, nos mapas. Este asunto, moi ben resolto polos cartógrafos -especialistas na representación da superficie da terra en mapas- non foi nin é unha tarefa fácil. Sobre todo porque o seu cometido é representar a superficie do planeta, unha esfera irregular con terreos rugosos, nun debuxo realista que nos ofrecen en dúas dimensións. Para iso pensáronse as proxeccións. A denominada UTM -proxección Universal Transversa de Mercator- concibe esa superficie terrestre como un cilindro para facilitar a localización dos emprazamentos ou situacións xeográficas con precisión. Esta proxección, dada a súa importancia na estratexia militar, estandarizouna en todo o planeta o Servizo de Defensa dos Estados Unidos e trasladouse a España xunto cos primeiros mapas detalle, elaborados coa fotografía aérea do voo americano de 1956. Fronte ás coordenadas topográficas, baseadas en graos, minutos e segundos, as coordenadas UTM tamén mostran un punto único no planeta, pero nun modo decimal máis intelixible para nós, expresado en metros. Os mapas elaborados con sistema UTM dividen a terra en sesenta fusos, que comezan no meridiano de Greenwich e numerados na dirección leste. E cada fuso divídese en zonas con cuadrículas. Para individualizar universalmente as coordenadas, unha subcomisión da International Association of Geodesy, recomenda que os países europeos utilicen o “datum” -sistema- ETRS89, sigla da “European Terrestrial Reference System 1989”. Pero non se preocupen. Cando manexen cartografía facilitada polas institucións, como o excelente catálogo que a Xunta de Galicia pon á nosa disposición -mapas.xunta.gal-, as coordenadas xa veñen adaptadas a este sistema ETRS89. Observen como a medida que moven o rato do ordenador, na parte inferior esquerda da pantalla aparecen e actualízanse automaticamente. E como as miden? Pois, unha vez que contamos cos mapas, tanto en papel como dixitais -no ordenador-, é moi sinxelo. Cada coordenada marca un lugar concreto e único na cuadrícula do plano dende o punto de orixe, situado no vértice inferior esquerdo; a abscisa X indica o leste, mentres que a ordenada Y referencia o norte, distancias ambas expresadas en metros, incluso centímetros. Por exemplo, para o ciborio da nosa catedral serían ETRS89: 593665X e 4687763Y.

Por suposto que esta forma de localización, universal, única e inequívoca, non só sirve para xacementos arqueolóxicos. Son para calquera cousa que queiran situar nun mapa. Proben nos da Xunta de Galicia que lles indiquei.

Te puede interesar