A lonxevidade feminina de Ourense, a estudo

Inauguración da exposición “Centenarias”, promovida pola Deputación de Ourense.
photo_camera Inauguración da exposición “Centenarias”, promovida pola Deputación de Ourense.

Árbores conmemorativas, charlas, exposicións e música foron o aperitivo do Día da Muller que se celebra hoxe. O presidente da Deputación, Luis Menor, anunciou investigacións sobre a esperanza de vida das ourensás e a soidade

Os actos que enmarcan a celebración do Día Internacional da Muller comezaron dende onte pola mañá na cidade. A xornada inaugurouna a Asociación veciñal do rural e periferia do Miño coa actividade chamada “Enraizando igualdade”, ás 11,45 horas. A proposta tivo como obxectivo facer unha plantación de árbores conmemorativas na Alameda. Quince minutos despois de isto, a Deputación de Ourense celebrou o acto de apertura da exposición fotográfica “Centenarias”, protagonizada por 17 mulleres beneficiarias das políticas provinciais. A mostra estará dispoñible ao público na Praza Bispo Cesáreo durante os próximos 15 días. A iniciativa tiña por obxecto principal amosar o reto que supón acadar a plena igualdade de xénero a través de dúas xeracións de mulleres separadas por un século de vida. O acto foi presentado polo presidente da Deputación, Luis Menor, que aproveitou o evento para anunciar o financiamento de dúas investigacións. A primeira delas estudará as razóns de que Ourense teña unha poboación tan centenaria. A segunda proposta é a posta en marcha dun municipio piloto para a universalización da atención á soidade non desexada feminina. 

Para finalizar os actos da mañá, o Liceo de Ourense celebrou unhas charlas protagonizadas polo colectivo Mirada Mulleres +60. No evento, as participantes fixeron unha lectura do manifesto da muller e houbo unha “mesa de experiencias” onde se abordaron temas como os dereitos sexuais e reprodutivos ou a evolución lexislativa nos dereitos das mulleres. O acto rematou  co relato da catedrática de Historia Antiga, Susana Reboreda, sobre o seu paso polo Campus da cidade das Burgas.

Pola tarde, os actos continuaron co Club de Redeiras, onde mozos e mozas do sector empresarial falaron de igualdade e de talento a partir das 18,00 horas na Nave de Minero Conforex (Reboredo). Tamén, o día 9, o Club fará unha homenaxe á muller empresaria e traballadora que contará coa presenza de personalidades da política actual e mulleres galardoadas no sector. A xornada previa ao 8M pechouse coa charla de mulleres na cafetería Mur Marxinal que contou coa actuación musical de Cristina Eiró e María Mendoza.

Te puede interesar