Lopo mostra a faceta “performer” de Arturo Baltar

Manuel Baltar e Antón Lopo, o editor e autor de “Arturo Baltar”, onte na presentación do libro.
photo_camera Manuel Baltar e Antón Lopo, o editor e autor de “Arturo Baltar”, onte na presentación do libro.
A Deputación recuperará a escultura deste artista que fora roubada no Parque Miño en 2021

O xornalista e  editor Antón Lopo presentou o libro “Arturo Baltar”, unha obra coa que ofrece un retrato polifacético dun artista máis coñecido polo seu talento como escultor. No acto tamén participou Manuel Baltar, presidente da Deputación, institución que levou a cabo a publicación deste título.

Lopo  asegurou que esta nova biografía de Arturo Baltar, a quen denomina como elemento “aglutinador e fabulador” de Ourense, é o resultado de “máis de cinco anos” de labor investigativo do que produciu, nas súas palabras, “un volume que documenta de maneira magnífica o traballo, ata agora  non documentado,  que fai Baltar como “performer” na obra de José Val del Omar, ‘Acariño galaico”, entre outros eventos. O autor tamén sinalou que algúns elementos do libro “reenfocan” a vida de Baltar dentro da arte galega, como a data e o lugar do seu nacemento, que Lopo sitúa na Habana en 1931 e non en Ourense no 1924, como se vén crendo. “Arturo era un home que se reconstruía a si mesmo e á súa contorna”, apuntou o autor.

Ademais,  o volume, onde as imaxes teñen unha presenza importante, presenta fotografías ata agora inéditas de Baltar, algunhas das posesións do propio escultor e outras conservadas nos arquivos de Anric Massó, axudante de dirección de “Acariño Galaico”.

Sobre a infancia de Baltar, Lopo asegurou que existen media ducia de fotografías, xa que o artista “borrou case meticulosamente e, incluso, obsesivamente as imaxes da súa xuventude” para, en realidade, ir “dirixindo a imaxe que o futuro ía ter del”. Durante a presentación do volume, o presidente provincial quixo destacar que “todos os momentos son importantes para reivindicar o legado, o compromiso, a traxectoria, a obra e a identificación con Ourense” de Arturo Baltar, ao que definiu como “un xigante da nosa cultura”.

O presidente da Deputación aproveitou este acto para ligalo co do mércores, cando lle concedeu o título de fillo adoptivo da provincia a outro escultor recoñecido: Manuel Buciños, que co investimento da Deputación está disposto a recuperar a desaparecida figura “Serea aleitando un fillo”, obra de Baltar, para refundila e colocala no seu emprazamento orixinal do Parque Miño, de onde foi subtraída.

Te puede interesar