Luis Seara, do BNG de Ourense: "A Xustiza debe tomar en serio o caso dos audios"

photo_camera Luis Seara, na oficina do BNG na Casa do Concello (Martiño Pinal).
Entrevista a Luis Seara, concelleiro e portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ourense

Luis Seara é o voceiro do BNG no Concello e foi o candidato nas pasadas eleccións municipais, nas que a súa forza subiu de dous a catro concelleiros. Fai unha análise da “crítica” situación municipal e pide “celeridade” á Xustiza: “Se  todo isto nos pasase a outros, estariamos desde hai tempo inhabilitados pola nosa organización e tamén pola Xustiza, probablemente pasando unha temporada no Pereiro”.

Remata 2023 e a Xustiza segue sen pronunciarse polos audios.

Cando a Xustiza é lenta, non é Xustiza. Na antesala das eleccións municipais, La Región publicou uns audios nos que se falaba da comisión de presuntos delitos de corrupción nos que estaban implicados non só o alcalde, senón membros daquela lista que hoxe son concelleiros e, por tanto, é un tema da suficiente gravidade como para que a Xustiza tome isto en serio. A sociedade de Ourense ten o dereito e a obriga a saber se podemos confiar no actual grupo de goberno ou non, porque hai indicios de sospeita e iso non contribúe a xerar tranquilidade. Sabemos que os tempos da Xustiza son lentos, pero cando algo afecta ao interese público debería terse resolto. Xa pasaron sete meses. 

Se a Xustiza acredita a veracidade dos audios, que  cambiará?

Jácome fiou toda a súa defensa a que os audios non eran veraces e, por tanto, é importante que a Xustiza se pronuncie canto antes, para saber se efectivamente é el, son esas persoas que hoxe ocupan as cadeiras no pleno do Concello, as que están falando de pedirlle mordidas ás empresas. Unha vez que iso se pode constatar, ábrese un novo escenario. Un cambio no goberno? Son escéptico, porque o PP e DO, e iso téñeno que saber os veciños, son dúas caras da mesma moeda. Can non come carne de can. E na medida en que un é funcional ao outro, van seguir axudándose mutuamente, como teñen feito ata o de agora, máis alá de postas en escena que son  fogos de artificio.

O PP ten falado de que Jácome é   alcalde por culpa do BNG. 

Jácome é alcalde por obra e graza do PP. De feito, asinaron un acordo na propia mañá da toma de posesión. As explicacións téñenas que dar eles. Por que pactan con Jácome, por que pactaron con el, a pesar de dicir que ía ser letal  e por que, tras dicir que en ningún escenario pactarían con el, volveron facelo. O PP está absolutamente entrampado, porque son o mesmo e necesítanse un ao outro. Nós fomos a organización da coherencia e dixemos  que nin Jácome, nin PP. E fomos a única forza política que non votou ao seu candidato. Dato mata relato. 

Por que din que hai quebra técnica no Concello?

O importante é o que non se ve, o que está agochado. Non se ve que hai facturas por máis de 25 millóns de euros metidas debaixo da alfombra, facturas que teñen que ver coas concesións que seguen caducadas e que temos que seguir pagando. Nalgún momento imos ter que asumir esa débeda. Outra cousa é que as concesionarias de momento non o reclamen, pero nas liquidacións unha xa llo lembrou. E outras, como o transporte, que xa o reclamou vía xudicial e a Xustiza recoñeceulle cobrar un 6% máis. Iso está xerando un volume de gasto moi importante, que parece que non existe, pero existe. A iso únese o feito de que hai un cento de facturas que van ao saco da conta 413. Estamos nunha situación moi delicada. Xa non quero pensar que pasará cando se reactive a Lei de Estabilidade. Por iso Jácome non aproba os orzamentos e por iso anunciou que si ou si vai subir os impostos. Todo este caos económico acaba provocando unha suba de impostos. 

Van subir impostos entón?

Vai ter que facelo, está nunha situación económica moi delicada. Se non hai ingresos, moitas cuestións non se van materializar. Entidades do terceiro sector quedan fóra das axudas, hai que renovar as concesións e dotalas orzamentariamente… El no seu día fixo que o PP baixase o IBI, que beneficia aos grandes propietarios, coma el. Tamén quería baixar o imposto de vehículos, pero esa irresponsabilidade sitúanos nun escenario complexo que pagarán todos, tamén os que menos recursos teñen.

Por que quere cesar o interventor?

Que casualidade que lle abra expedientes aos dous órganos que fiscalizan a xestión económica! O interventor non está por libre designación no Concello. Esa é a primeira falacia. Para remover o interventor, primeiro hai que incoarlle un expediente informativo e non o hai. Hai un expediente sancionador ou subsidiariamente de remoción. Pretende tomar a decisión do cese ou remoción do interventor, pero non ten facultades, e para removelo ten que facelo o Ministerio, porque é habilitado de carácter nacional. Alguén se está bambeando. Chama a atención que o expediente, que non o escribe Jácome, senón que todo apunta a que o fai o coordinador xeral, non o asina ningún técnico, só o alcalde. El terá que asumir a responsabilidade se o interventor acode a outras vías. Ao interventor estáselle facendo un xuízo sumarísimo. Por que? Porque Jácome pensa que este Concello se pode administrar como Jolper, e os concellos teñen técnicos que se dedican a controlar e fiscalizar a xestión para que non haxa arbitrariedades. 

Te puede interesar