Manuel Reigosa: “Estou satisfeito da defensa do campus e aberto a contemplar novas titulacións"

photo_camera Manuel Reigosa, reitor da UVigo. (Foto: Xesús Fariñas)
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, respondeu un cuestionario vía mail, antes de que se aprobase a creación do Grao en Relacións Internacionais

Compromisos institucionais de última hora impediron ao reitor da UVigo, Manuel Reigosa, realizar ou aprazar unha entrevista con La Región. Tralos acontecementos nos que o Campus estivo de actualidade por unha discriminación sinalada dende a comunidade universitaria, partidos políticos, sindicatos e asociacións, aceptouse a "solución" prantexada dende a UVigo: un cuestionario vía e-mail enviado o pasado martes, antes de que se aprobase a creación dun grao inesperado no Campus (Relacións Internacionais) e doutro de Xestión Hoteleira en Santiago que, co grao público en Turismo que terá a UDC, fan competencia a un título que era exclusivo en Ourense: Turismo. 

Na reunión de reitores galegos de 2017 acordaron 14 títulos novos para tódolos campus, menos Ourense. Que se gañou aquí?

Tomei posesión en xuño de 2018, non participei no acordo. A política que se seguiu foi fortalecer as titulacións existentes e defendelas, mentres as outras universidades foron máis permeables a cambiar titulacións con baixa demanda por outras. O Consello de Campus está satisfeito coa defensa das titulacións, pero estamos abertos a contemplar implantación de títulos, substituíndo algún dos existentes.

USC e UDC anuncian títulos que non se comtemplaban no acordo. Porque a UVigo non loitou igual para sumar en Ourense?

Tivemos un debate para cambiar algunha titulación existente por outra nova, pero o centro implicado preferiu manter o título existente. E o equipo de goberno tamén considerou que as alternativas non eran satisfactorias. Todos os graos novos aparecían no acordo, se ben algún deles modificou o seu título.

Aceptou que os títulos propostos da UVigo fosen interuniversitarios a cambio de participar no máster de Nanociencia que lidera a UDC? 

O acordo de 2017 é público e, insisto, nós non participamos. O acordo pechou o mapa de graos, o de mestrados é mais dinámico e acórdase ano a ano.

Sorprenderíalle ver aprobado algún máster exclusivo nalgunha universidade galega?

Obviamente, aqueles másteres que propoña unha universidade e ningunha outra teña interese en entrar, serán exclusivos.

A vicerreitora, Esther de Blas, considera o “menor perxuizo" se o máster de Aeronáutica que demanda a Escola en exclusiva é finalmente interuniversitario con A Coruña. Comparte a súa visión? Qué suporía para Ourense compartir o máster?

Os órganos de goberno da UVigo xa se posicionaron con rotundidade a favor da implantación exclusiva. No que insistimos a vicerreitora e eu é que hai un acordo asinado polas tres universidades e pola consellería no que se priman as titulacións interuniversitarias. Se a decisión final fora compartila, temos a garantía de que o máster se impartiría exclusivamente en Ourense e baixo o noso liderado.

Aeronáutica pediu unha “defensa máis contundente". Loitouse o suficiente pola exclusividade?

Non creo que haxa dúbidas sobre o traballo da Vicerreitoría e da Reitoría. Estou moi satisfeito do traballo de Esther de Blas.

O edificio do Campus da Auga segue pendente de licencia de apertura. O Concello anota que falta documentación da UVigo.

O centro obterá en breve a licenza  e difundirémolo oportunamente.

A primeira promoción de Aeroespacial chega a cuarto de carreira sen saber se utilizará os laboratorios. O retrasos merman a calidade da ensinanza?

A primeira promoción e as seguintes van poder sentirse orgullosas da formación recibida. Esperamos que a Escola se estableza coma unha das mellores e sexa moi competitiva na formación, na investigación e na transferencia á sociedade.  Durante moito tempo se atacou a este centro baseándose en feitos que non son certos. Temos excelente cadro de persoal e equipamentos magníficos. É certo que tivemos que facer esforzos para que non se adiase nin a contratación de profesorado, nin a compra de equipamentos, pero estamos moi satisfeitos e agradecidos polo esforzo de moita xente. É importante que a sociedade de Ourense saiba que a Escola é de alto nivel. A guinda do pastel será a posta en marcha dun edificio específico.

Foi inxusta a supresión do doble grao en ADE e Informática? A UVigo negociou? De Blas considera suficientes dous anos para valorar a tasa de abandono. Compárteo?

Grazas a unhas negociacións intensas e ben levadas, confirmouse que acadamos unha mellora obxectiva do mapa de titulacións, que permitirá implantar en 2021 Relacións Internacionais en Ourense. En canto a ADE-Informática, foi unha sorpresa coa que non contabamos, pero os datos de evolución non eran positivos e por iso a Xunta decidiu de xeito unilateral, sen posibilidade de negociar, suprimilo. Estamos comprometidos a buscar unha solución, porque pensamos que é unha dobre titulación que debería ser moi atractiva. Pensamos que tamén podemos avanzar noutros dobres graos de interese no campus.

A Enxeñaría Agraria cóstalle chegar aos mínimos. Hai plan de mellora dende a UVigo? Desaparecerá nun futuro próximo?

Os datos de matrícula non son moi bos, pero a titulación ten futuro, na medida en que Galicia remonte no emprego e na industria agraria. Estamos negociando manter a titulación nos campus de Lugo e Ourense, cunha serie de acordos entre as dúas escolas e a Xunta.

Nunha reunión con Baltar en 2018 comentou o plan de novos títulos en 2021. 2021 non é un horizonte afastado mentres o resto de Campus medran? Hai propostas? Tendo en conta a potente industria textil, non podería estar Deseño no Campus?

Temos abertas varias vías de colaboración importantes nos eidos da formación, a investigación e a transferencia, nos ámbitos empresarial e industrial. Para o futuro, queremos utilizar as fortalezas do campus para atraer novas titulacións que o fortalezan aínda máis. Queremos escoitar todas as propostas que nos cheguen, moi especialmente desde o Consello de Campus e tamén escoitaremos a empresarios e institucións. O que non toca neste momento é facer propostas concretas. Obviamente, deixamos a porta aberta a melloras antes do novo mapa.

Como valora as declaracións de plataformas, partidos políticos e asociacións sobre a suposta discriminación do Campus?

Unha das claves nas que hai que entender o Campus de Ourense é a reivindicativa. Aprecio extraordinariamente o nivel de esixencia que percibo e a mobilización da sociedade civil. Isto é un moi bo sinal. Amosa o compromiso das persoas que integran o campus e quere dicir que temos a confianza da sociedade. Apelo a que todos nos sintamos orgullosos do campus de Ourense, porque é un campus moi forte.

A potenciación dos Campus periféricos de Ferrol, Lugo e Pontevedra é maior, menor ou igual que a que se fixo con Ourense?

Desde os puntos de vista investigador e de transferencia, desde o punto de vista das titulacións implantadas e do de captación de alumnado, o Campus de Ourense ocupa unha moi boa posición, cunhas fortalezas moi salientables. Penso que é un campus do que podemos, como galegos, estar orgullosos. Como reitor, estou moi satisfeito polo traballo que se realiza e pola calidade do campus, no que seguiremos a traballar, ao igual que en Vigo e Pontevedra, para que acade o seu máximo potencial. 

Te puede interesar