Manquiña, Zahera e Pazos, no Festival de Teatro carballiñés

O Festival de Teatro Galego acadará a súa 23ª edición no Carballiño entre os días 4 e 7 deste mes de setembro, organizado pola asociación cultural 'Fetega' coa colaboración do Concello, Deputación provincial e empresas privadas.
Os espectáculos desenvolveranse no Auditorio municipal, dende ás 22,30 horas, e comezarán o vindeiro martes cos 'Monólogos inocentes', que protagonizarán Manuel Manquiña e Luis Zahera, baixo a dirección da productora Etiqueta Negra. O programa deseñado pola directora do festival, Josi Lage, inclúe, o mércores día 5, una estrea da compañía ilMaquinario Teatro, concretamente a obra 'O home almofada', dirixida por Tito Asorey. Ó día seguinte, xoves, Teatro de Ningures celebrará as súas vodas de prata con 'Atra Bile', con Etelvino Vázquez na dirección.

As xornadas rematarán o venres, día 7, coa gala dos premios que concede a organización a persoeiros de relevancia dentro do eido dramático. Ademais, o actor ourensán Sergio Pazos interpretará 'Sé galego, my friend', unha montaxe adicada ó xeito de ser dos habitantes de Galicia. Por outra banda, a programación tamén contempla pezas teatrais na Praza Maior, a partir das 19,00 horas. A compañía Títeres Viravolta encargarase das representacións de 'O Galo Quirico', 'Polichinela' e 'A casa do rato', o martes, xoves e venres, respectivamente, e impartirá un obradoiro de monicreques.

Te puede interesar