ENTREVISTA

Marcos Pardo: "San Francisco é historia olvidada de Ourense"

Pardo presenta o documental "San Francisco de Ourense. O destino da alma", no que recupera a historia de Asunción González

Marcos Pardo, autor do documental (XESÚS FARIÑAS).
Marcos Pardo, autor do documental (XESÚS FARIÑAS).
Marcos Pardo: "San Francisco é historia olvidada de Ourense"

O polifacético Marcos Pardo (Ourense, 1990) medrou na rúa Monte Penama, moi preto do cemiterio de San Francisco que inunda os seus recordos de nenez. "Con nove anos, ía con meu avó, ou ás veces só, e recordo aquela tumba. Aquel epitafio sempre me chamou a atención", conta. Fala da primeira tumba coa que se atopa o visitante que entra a este camposanto singular–olvidado para algúns–no que repousan os restos de gran parte da cultura ourensán e que leva dúas décadas declarado como Ben de Interese Cultural. "¡¡Pobre Asunción!! Viernes Santo del 91" é o que se le nese sentido epitafio que pertence a primeira vítima documentada de violencia de xénero en Ourense, Asunción González. Asasinada pola súa exparella ese venres santo de 1891, cun disparo que deixou en silencio a unha praza Maior abarrotada; segundo as crónicas da época. Agora Marcos Pardo rescata a súa historia, pero dentro dun proxecto maior no que os franciscanos fan de fío conductor por un cemiterio e un barrio, San Francisco, que é historia de Ourense.

“San Francisco de Ourense. O destino da alma". Quen fala neste documental?

O fío condutor son os franciscanos que tiveron o primeiro convento na praza do Correxidor. Falan os sobriños-bisnetos de Asunción González a carón da súa tumba. Tamén José García-Calvo, un dos capitáns que houbo no cuartel militar antes de pechar, que nos conta como era a vida. Tamén o testemuño do superior dos franciscanos, José Manuel Castiñeira, e o irmau Castor, que falan de como viven a súa fe.

A historia de Asunción sempre lle chamou a atención. Como afronta este reto?Retrato de Asunción González.

É unha honra tratar o tema. A miña intención é aportar todo o rigor e veracidade na noticia. Quero poñer unha data de nacemento. Xa teño a partida de falecemento, morreu o 28 de marzo de 1891 no hospital de Ourense, ás seis da madrugada, a causa de feridas de bala no pulmón esquerdo. Grazas aos seus familiares, por fin puiden poñer cara a Asunción.

Que outros datos coñeceu da súa biografía?

Era da parroquia de Santa Eufemia. Aos familiares vivos, a súa avoa contoulles que Asunción estaba cun mozo e habia un rapaz nanorado dela que non aceptaba a súa vida. Estaba obsesionado con ela. Hai moitas hipóteses, eles contan na reportaxe que non teñen a verdade absoluta.

O Ourense de antes ocupa un espazo importante no documental?

Si. Grazas á colaboración de Rafael Salgado, autor do blogue "Ourense no tempo", os ourensáns poderán ver como era a cidade antes. A Praza Maior, as vistas do cemiterio de San Francisco....

Que aporta esta historia á sociedade ourensá?

En canto a Asunción, que se coñeza por completo a historia. Poñerlle cara é moi importante. É unha homenaxe a todas esas mulleres que non saberemos na vida e que faleceron ás mans dos seus homes nunha sociedade na que elas apenas tiñan dereitos. E á vez, esta historia continúa por desgracia na actualidade. As homenaxes non son suficientes. É unha maneira de concienciar a través da historia de Ourense de que agora temos os dereitos que temos, as mulleres poden denunciar e apoiamos a esas mulleres.  

Tamén é unha homenaxe á riqueza do cemiterio?

Si. Fago este documental para promocionar esta parte de Ourense, San Francisco, que ás veces quedou olvidada ou fora de estudo. Neste camposanto temos aos pais da nosa lingua, persoeiros que dan nome as nosas rúas. Hai xente importante a todos os niveis, as esculturas...A arquitectura. Aquí está enterrado Vázquez-Gulías. Tamén é importante que gracias a José Ángel valente debémoslle que siga en pe o cemiterio e que o denominasen coma Ben de Interese Cultural. As termas están moi ben, pero moita xente non sabe que temos un recuncho marabilloso, o claustro de San Francisco, onde se lle deu liberdade aos canteiros para expresarse. 

Cando podemos ver o documental?

Creo que o mes que ven. Para min sería unha grande ilusión presentalo no Auditorio Municipal, xa que formou parte dese núcleo de San Francisco nos inicios.