Marcos Ruido, o bombeiro forestal ourensán que está traballando no lume de Tenerife

Marcos Ruido, onte en Tenerife.
photo_camera Marcos Ruido, onte en Tenerife.

Marcos Ruido, o bombeiro ourensán: "O de Tenerife é o lume mais virulento que vin, peor que o da Culebra"

Marcos Ruido (27 anos) é un bombeiro forestal ourensán que está destinado coa Brif Lubia de Soria en Tenerife. A illa canaria padece un incendio que xa leva calcinadas máis de 5.000 hectáreas e once municipios víronse afectados pola proximidade do lume. A área forestal máis extensa do arquipélago tamén está sendo consumida. Máis de 8.000 persoas evacuadas, o inflamable piñeiro canario -que arde provocando pequenas explosións-, chamas de gran virulencia e un vento pouco favorable xeran un escenario distópico, doloroso para os seus habitantes e complexo para os medios de extinción. 

Cando chegaron? Con que panorama se toparon no seu primeiro día de traballo?

Chegamos o xoves, trece compañeiros da Brif Lubia e a outros da de Cáceres.  Atopámonos cun lume fora de control, 5.000 hectáreas en 50 kilómetros de perímetro. Por agora, leváronnos a unha reserva natural para protexer a zona do aeroporto e a laguna. De momento estámolo contendo aquí. 

Estivo algunha vez nun incendio máis complexo?

O ano pasado estiven na Serra da Culebra, que tivo 30.000 hectáreas. Porén, este é o máis virulento nos últimos 40 anos para Canarias e tamén dos que vin eu. É o lume máis perigoso no que estiven. Ademais das evacuacións hai moitos cambios de tempo e de comportamento. 

“Atopámonos con zonas moi tupidas que dificultan enormemente o acceso ás chamas. Non podemos empregar batelumes”.

Como é a vexetación na illa? É similar á galega? Dificulta as tarefas de extinción?

Esta todo moi seco, non hai humidade. Estamos vendo zonas moi tupidas, que dificultan enormemente o acceso ás chamas. Non podemos empregar batelumes e os helicópteros están indo a focos máis activos. Só nos valemos de ferramentas manuais e camións con auga. É todo moi diferente aos escenarios da península.  

Canto tempo tedes previsto estar alí? Como está progresando?

En principio unha semana, pero cos cambios do aire e o avance parece que imos estar moitos máis días. A orografía e a meteoroloxía propia da illa están favorecendo que se queimen máis hectáreas e que se complique o traballo.

“Polo momento hai miles de personas evacuadas, pero sen feridos”.

Coma está  a xente das vilas? Hai danos materiais?

Polo momento hai miles de personas evacuadas, pero sen feridos. Parte do noso traballo céntrase en que o lume non interfira nas vivendas. Xa van once municipios afectados.

Por que  marchou un bombeiro ourensán a Soria? 

Eu empecei na brigada helitransportada de Toén, unha concesión privada da Xunta. Despois estiven na Brif Laza, pero en xuño do ano pasado trasladeime a Soria, onde me ofrecían unha plaza fixa. O meu obxectivo é voltar a Galicia nalgún momento.

Te puede interesar