Medio Rural proxecta un novo polígono na Peroxa

O espazo dedicaríase á gandaría en extensivo e abarcaría 25 hectáreas

Medio Rural estuda a implantación da primeira fase dun novo polígono agroforestal no concello da Peroxa. O proxecto, que tamén abarcará ao concello de Carballedo (anexo á Peroxa), mobilizará unha superficie de máis de 25 hectáreas, distribuídas en 195 parcelas duns 49 propietarios. O conselleiro, José González, mantivo onte unha primeira reunión coa veciñanza para presentarlles a idea e resolver as posibles dúbidas. Segundo lles explicou, a proposta da Xunta é dedicar este polígono á gandaría en extensivo. 

O futuro espazo sumaríase ao outro xa implantado no mesmo concello, o de Mirallos, que conta cun total de 44,52 hectáreas divididas en 193 parcelas de 65 titulares. O seu uso principal tamén está dedicado á gandaría de tipo extensivo. 

24 polígonos

Na actualidade, no conxunto da comunidade galega hai rexistrados un total de 24 polígonos en distintas fases, que abarcan máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. 

Neste sentido, José González lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, o que permite recuperar grandes áreas de terra ao potenciar os tres usos do chan (agrícola, gandeiro ou forestal), segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. 

A Xunta destaca que a creación de polígonos agroforestais é unha “ferramenta idónea” para poñer en valor os terreos con boa capacidade produtiva que ata entón se atopaban abandonados ou ifrautilizados. O obxectivo da administración é darlles un novo uso sustentable mediante a creación de actividade agrogandeira, o que permite fixar poboación e frear a lacra dos incendios forestais.

Te puede interesar