A dirección espera autorización da Xunta para reformar o edificio

Medra o gasto de persoal no xeriátrico de Ribadavia

Residentes do Asilo Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia celebran unha festa. (Foto: LR)
AFundación Hospital Asilo Nosa Señora dos Anxos, que xestiona a única residencia xeriátrica existente en Ribadavia, aprobou o orzamento para o exercicio 2013, que ascende a 652.120 euros, o que supón un incremento do 2,1% respecto ao do 2012. No capítulo de gastos, a partida principal é a de persoal co fin de manter os ratios necesarios para unha boa atención dos residentes, obxectivo que prima en todas as decisións que toma o padroado, segundo indicou o seu presidente, Marcos Blanco, tamén alcalde de Ribadavia..
'O salto cualitativo en atención ós residentes foi moi grande, o que fixo que o padroado fixera un esforzo orzamentario nestes últimos tres anos para adecuarse e adaptarse as necesidades e ofertar un servizo de moi boas prestacións asistenciais a prezos realmente competitivos', sinalou.


INGRESOS

En canto a ingresos, seguen sendo as cotas dos usuarios as que conforman a partida máis destacada, se ben inclúense outras de menor cuantía relativas a doazóns e as herdanzas de particulares que desexan facer a súa aportación para que se manteña este servizo do que se beneficia toda a comarca do Ribeiro, independentemente do nivel de ingresos que teña cada persoa. Nese senso, o asilo de Ribadavia tamén dispón de seis prazas de emerxencia social para facer fronte a aquelas necesidades sociais que non teñan os ingresos que se estipulan como ordinarios.

A fundación Nosa Señora dos Anxos está pendente agora da resposta da Xunta sobre unha proposta de reforma do actual edificio que permita adaptar o centro a persoas con elevados graos de dependencia e desta forma poder dar servizo a todo tipo de posibles usuarios. Esta proposta está pendente de aprobación por parte da Consellería de Traballo co fin de cumplir coas condicións legais e que os residentes podan acceder as axudas de dependencia.

O edificio actual é propiedade do Concello e atópase no conxunto histórico de Santo Domingo.

Te puede interesar