área metropolitana

Melloras no pavillón do Pereiro para acabar co seu deterioro

Pavillón de Pereiro
photo_camera Marisol Díaz, Eliseo Fernández, Juan José Gómez e Luisa López, na visita ao pavillón (MIGUEL ÁNGEL).

A Xunta destina un global de 730.000 euros a axudas para instalacións públicas de 25 concellos

O pavillón polideportivo municipal de Pereiro de Aguiar será obxecto de melloras nas súas instalacións grazas á axuda que vén de aprobar a Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia, cunha achega de 33.740 euros, o 70% do montante total da obra, que ascenderá a 48.200 euros. O Pereiro foi un dos concellos seleccionados na orde de axudas de uso público da Vicepresidencia deste 2019, que ten un total de 25 concellos como beneficiarios, cun orzamento total de 730.000 euros. 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, sinalou que estas axudas "permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións". 
Díaz visitou  onte o polideportivo municipal, situado a carón do colexio Ben-Cho-Shey, xunto ao aínda alcalde do Pereiro, Eliseo Fernández, e persoal técnico municipal, nos que comprobaron o actual deteriorio do lucernario, que precisa ser substituído por outro novo; o desgaste dos elementos de drenaxe das augas pluviais, que causa manchas de humidade e filtracións ao interior, e que precisan de substituír os canalóns existentes en todo o edificio. Tamén se acometerá o selado das chapas de aluminio que rematan a cuberta. 


Lamela terá un mellor acceso de maneira urxente


O Concello de Pereiro de Aguiar adquiriu unha edificación en ruínas e  conseguiu a cesión duns terreos para resolver o grave problema para acceder á urbanización  de Monterrei, ao colexio, ao campo de golf e á outra parte do concello que sofren actualmente os veciños de Lamela. A xunta de goberno municipal aprobou onte a cesión dese edificio e dos terreos –cuxa obtención non foi sinxela e tivo un prazo moi longo para chegar a quen eran os propietarios, ao non ter os terreos a referencia catastral– no entorno da capela de Lamela. O Concello acometerá "de inmediato" unha "primeira actuación de urxencia" para dar resposta a algo que é "esencial", segundo manifestou o tenente de alcalde, Manuel Doval. 

Máis adiante, terá que realizarse un proxecto integral para a renovación da zona, aínda que recalcan que o "urxente" é darlle unha solución a unha estrada "onde non collen dous coches". 

Te puede interesar