Mercedes González Pazos: “O personaxe dos Simpson co que máis me identifico é Lisa”

Mercedes González, cun cortado, nun dos escasos intres de desconexión.
photo_camera Mercedes González, cun cortado, nun dos escasos intres de desconexión.

Mercedes González di que o que mellor a define son as verbas da súa nai cando era pequena: “Avogada de causas perdidas”. Funcionaria en continua formación, tamén estudou Educación Social, e asegura que é “ teimuda, perseverante e ambiciosa”

 A superstición non vai con ela. Di que non ten ningún talismán, aínda que pode que iso non sexa totalmente certo, porque recoñece que si hai cousas que “creo achéganme algo especial e se as perdera, preocuparíame”. Mostra un ollo turco e un colgante cunha pedra de ámbar, “agasallo dunha curmá que vive en México”, que confesa non quita “xamais”.

Pero non cre que sexa suficiente para atraer a boa sorte, “iso é máis cuestión de esforzo, de traballo de cada día e de empeño”. Por iso, os premios que gañou bailando ao ritmo de Tom Jones, o Tigre de Gales, na discoteca de O Barco, JB2, seguro que non foron froito da casualidade. “Non era gogó, nin moito menos. Pero organizaban concursos e eu participaba”.

A expresión corporal é só unha das moitas aprendizaxes que Mercedes González asume dende nena como retos aos que adica unha gran parte do seu tempo. Están os idiomas, como o alemán, que aprendeu nunha estadía en Suíza, “pero xa o esquecín”, ou o inglés: “Este resísteseme, non hai maneira, a pesar de varios intentos”. E tamén o teatro: “Fixen algo de nena, gústame moito como espectadora”; pero nega ser teatreira: “Na miña vida son demasiado pragmática e realista e non sei mentir, notáseme enseguida na cara”.

O mesmo pasáballe a Lisa, o personaxe dos Simpson co que máis se identifica. “Vía moito a serie. Agora a tele só a poño un pouco pola noite. Gústame saber o que se fala da política, aínda que para iso escoito máis a radio polos meus horarios laborais, e vexo algunha serie policial ou de intriga”.

Por iso non resulta estraño que ao preguntar polo programa “First Dates”, dubide e responda “a serie americana?” Ou que se manteña allea á polémica do cartel de Semana Santa, “non o coñezo.”

Do que si pode falar é de cine “sempre en pantalla grande. Son socia do Cine Clube Groucho Marx dende os 16 anos”. E das últimas películas vistas destaca “Saben aquel que diu”: “Saín chorando, a min non me importa mostrar as miñas emocións”. Asegura que “é moi gratificante ir á sala e compartir eses intres con outras persoas. Por iso, paréceme absurdo que a xente merque teles máis grandes e se subscriban a tantas plataformas”. Pero recoñece que non pode “cos que comen flocos de millo e falan”.

É a pequena de catro irmás pero nega que fose unha nena mimada e consentida, “todo o contrario”, ao mellor por iso non ten problemas para prestar libros, aínda que “algún quedou por aí, a saber”, pero ningún marcado: “Coido os libros, o que fago cos parágrafos que me gustan é lelos máis dunha vez”. Considera que é unha persoa detallista e á inversa: “Hai de todo, teño unha filla que é moito e a miña parella, un pouco menos”. Pero seguro que a compensa a tortilla que prepara, “por suposto con cebola. A fai mellor que eu, dedícalle máis mimo e nótase no sabor”. Non precisa que o Facebook lembre as datas de aniversarios dos seus, “seinas de memoria”, nin tampouco que lle faga crer que ten centos de amigos. “Cando a xente fala de moitísimos amigos, desconfío. Habería que saber a que lle chamamos amizade”. Ela teno claro: “É esa persoa á que non necesitas dicirlle que o é”. Conta que “o meu traballo no servizo de incendios e os seus horarios, condicionoume moito. Son de saír pouco. As mellores amizades as teño máis ben lonxe. E aínda que non teño un círculo amplo de todos os días, conto cun grupo de compañeiras coas que podo organizar cousas”. Recoñece que “as veces téñome sentido soa. A milla filla dime sempre que hai que cultivar as relacións, e ten razón”. Pero remata: “Coas persoas que tes ese sentimento, non importa o tempo. Cando te reencontras está ese abrazar bonito”.

Te puede interesar